Galicreques afonda na identidade de xénero e a diversidade desde a escena

O festival levará entre decembro e xaneiro aos concellos de Teo e Santiago esta investigación teatral conducida por Nauta e financiada polo Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes.
Unha actuación de rúa da compañía Nauta.
photo_camera Unha actuación de rúa da compañía Nauta.

O Festival Galicreques, mostra internacional de teatro de monicreques de Santiago de Compostela organizada pola Asociación Barriga Verde desde hai 28 anos, expande a súa actividade da man da compañía Nauta Teatro a través dun proxecto de investigación escénica financiado polo Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes (EFFEA) que afondará desde a escena na identidade de xénero e mais na diversidade. 

Este proxecto, que conta coa colaboración do Concello de Teo, iniciará a vindeira semana unha serie de seis sesións de traballo nas que se reunirán artistas locais, artistas amadores vencellados ao teatro comunitario e a persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+. Baixo a condución de Nauta Teatro e a colaboración do artista drag Nico Elsker, traballarase a identidade de xénero desde a expresión teatral, pondo o foco principalmente na máscara teatral desde diferentes perspectivas. 

O grupo de traballo, conformado por entre 15 e 20 participantes de diferentes xeracións, acabará por constituír o elenco dunha mostra escénica non profesional aberta ao público que servirá como fiestra para observar os procesos de creación e a realidade da diversidade de xénero dende o prisma das artes escénicas. O resultado teatral poderase ver ao longo do mes de xaneiro en diferentes espazos de Santiago. 

Obxectivos

O Festival Galicreques, que neste 2023 acadou a súa 28ª edición, espalla con esta iniciativa encabezada por Nauta o seu campo de acción, tanto xeográfica como conceptualmente. Así, dentro dun proceso de actualización que se está a levar a cabo nos últimos anos, Galicreques vai máis aló da mostra escénica tradicional ao sumarlle neste 2023 este laboratorio de investigación teatral financiado por EFFEA.

Galicreques acolle esta iniciativa que ten entre os seus obxectivos cuestionar a expresión binaria da identidade de xénero, explorar a diversidade desde a pescuda teatral, explorar o mundo drag, crear novos públicos, achegarlle un teatro non convencional ao público local e amosar desde o prisma do teatro diferentes problemáticas sociais mediante un proxecto multidisciplinar.  

Comentarios