'Nación Otero': o novo coleccionábel de 'Nós Diario' para coñecer un autor esencial

No 50º aniversario do pasamento de Otero Pedraio o Parlamento da Galiza designou 2026 como Ano Oteriano. Con este pretexto, a partir do vindeiro 1 de abril, Nós Diario publicará un coleccionábel que abordará as diversas facetas da obra dun autor fundamental para a cultura galega. 
Ramón Otero Pedraio intervindo o Día da Patria Galega de 1950 diante da tumba de Rosalía de Castro, Santiago de Compostela. (Foto: Fundación Penzol)
Ramón Otero Pedraio intervindo o Día da Patria Galega de 1950 diante da tumba de Rosalía de Castro, Santiago de Compostela. (Foto: Fundación Penzol)

Celebrar unha figura como a de Otero Pedraio significa, ante todo, recoñecer a súa actualidade. O paso do tempo non parece afectar a obra de Otero: os ecos da súa vida e dos seus traballos, ao contrario, propician novas lecturas e distan moito de esgotar o coñecemento que aínda pode xerar a súa inxente obra en disciplinas tan diversas como a historia, a xeografía, a arte, a política ou, desde logo, en todos os xéneros literarios.

O vindeiro 1 de abril, Nós Diario comezará a publicar un coleccionábel -Nación Otero- que, baixo a coordinación de Carme Sanjulián, doutora e profesora de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña, aborda esa diversidade de forma que se lle dea ao público lector unha visión cumprida dun corpus que ben se podería cualificar de enciclopédico e que, tal e como reza o seu subtítulo, mostra unha interpretación integral da Galiza.

"O que sucede con Otero é que sendo un autor moi coñecido e recoñecido, é moi pouco lido", comenta Sanjulián en conversa con Nós Diario. "Se cadra polo monumental da súa obra e polo difícil acceso a moitos dos seus títulos, non é coñecido coa intensidade que merece. E aínda seguen pesando sobre a súa figura moitos preconceptos que ofrecen unha lectura moi reducionista".

Sanjulián alude, principalmente, a esa lectura que identifica a Otero cun autor nostálxico cuxa principal preocupación é a de recrear de maneira nostálxica a vella fidalguía galega.

"É un prexuízo que segue moi vixente mais que non se compadece en absoluto co espírito nin coa letra de Otero. El centra moitas das súas reflexións na fidalguía porque considera que é un estrato social da maior importancia nunha época fundamental para explicar a realidade social da Galiza. Pero a súa obra vai moito máis alá.

A construción nacional

Ese "máis alá" ao que apela a coordinadora do coleccionábel Nación Otero, apunta ao que se debuxa como o obxectivo final de toda a a súa obra: a construción nacional da Galiza.

"Nese sentido", engade Sanjulián, "debemos lembrar o que dicía Carvalho Calero de Otero: que era a persoa da súa xeración que mellor coñecía o corpo e o espírito da Galiza. Non é necesario afinar moito para decatármonos de que o conxunto da súa obra visa a construír sistematicamente o espírito nacional".

Por riba doutros prexuízos aínda en vigor, por outro lado, Sanjulián reivindica a modernidade de Otero, non só na súa obra narrativa -a que primeiro salta ao pensamento cando se fala da súa literatura- senón tamén no teatro ou na poesía. 

"Non se mantén a definición de decimonónica que algúns lle queren dar á súa obra literaria. El está en estreito contacto coa modernidade da súa época: non hai máis que lembrar que é un dos introdutores de James Joyce na Galiza, que inclúe a personaxe de Agnes Woolf en Devalar, en referencia clara a Virginia Woolf ou que o seu Teatro de máscaras está na liña dalgunhas das vangardas máis audaces da Europa da época. Está en contacto coas correntes que están a revolucionar o mapa literario europeo e el traballa para que a Galiza non quede fóra dese cambio profundo que el percibe. Igual que cando escribe Fra Vernero está reivindicando un pasado que tamén é o noso. É absurdo pensar nel como un intelectual saudoso".

O compromiso

Este compromiso de Otero esténdese a política. Malia ser un intelectual que talvez non se sentía de todo cómodo na vida pública, asume por completo os compromisos coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista, despregando unha afanosa actividade política, exercendo como deputado ou defendendo sen rodeos a causa do Estatuto de Autonomía .

"Como moitos da súa xeración, sentiu que o seu deber era entrar en política para contribuír á emancipación da Galiza. Nese sentido, esta figura do intelectual político non resulta excepcional en contextos de construción nacional: son numerosos os casos, por exemplo, nas revolucións americanas do século XIX ou nos procesos independentistas africanos da década de 1960".

Ese compromiso acompañouno durante toda a vida, primeiro no fervedoiro das décadas de 1920 e 1930, e despois desde un exilio interior no que aproveitou todos os ocos que detectaba na férrea censura da época para seguir facendo proselitismo. 

"A elegancia e a efectividade dos seus discursos ten moita sona, pero aínda non se coñece ben a relevancia do seu labor parlamentario", incide Sanjulián. "E durante toda a vida mantén un irrenunciábel compromiso cos obxectivos do nacionalismo. Obviamente, durante a ditadura, tivo que adaptarse a unhas circunstancias novas e perigosas. E aínda así actuou cunha sorprendente valentía: malia os riscos que corría, introducía a obra e o pensamento de Castelao sempre que podía ou empregaba o galego en situacións nas que estaba expresamente prohibido facelo. E non podemos esquecer que o seu maxisterio foi fundamental para atraer ao galeguismo a moitos estudantes que anos despois se converterían en líderes do novo nacionalismo".

E todo iso sen deixar de producir libros, ensaios e artigos de prensa que seguían nutrindo a idea de conceptualizar un referente de identidade, de concibir Galiza como unha nación.

"Para tratar de transmitir unha imaxe integral das múltiples liñas de traballo que Otero abriu ao longo da súa vida, chamamos a especialistas nas diversas facetas da súa obra, para levar mais lonxe o debate sobre a actualidade do seu pensamento e a súa obra", conclúe Sanjulián.

Un equipo de especialistas para internarse na obra do polígrafo

Para tratar as múltiples disciplinas que cultivou Otero, a colección que Nós Diario comeza a publicar en abril contará, ademais de con Carme Sanjulián, cun nutrido equipo de especialistas. 

 Así, Patricia Arias Chachero escribe sobre O primeiro Don Ramón; Emilio Xosé Ínsua, sobre a militancia de Otero nas Irmandades da Fale e no Seminario de Estudos Galegos; Uxío Breogán Diéguez Cequiel, sobre o seu paso polo Partido Galeguista; Francisco Rodríguez, sobre o seu traballo como deputado; Xosé Ramón Quintana Garrido internarase no seu pensamento; e Xosé Ramón Ermida, sobre a súa actividade durante a ditadura.

Rubén Lois será o encargado de revisar o traballo de Otero como xeógrafo, mentres que María López Sandes analizará a súa visión da paisaxe. Ramón Villares, repasará o seu papel como historiador e Filipe-Senén López, a súa visión da arte galega. Ademais, Victorino Pérez Prieto debruzarase sobre o cristianismo galeguista do autor de Arredor de si.

Canto á súa obra literaria, Carme Sanjulián tratará a obra do Otero novelista; Anxos García Fonte o autor de narrativa breve; Vanesa Sotelo deitará a mirada sobre a súa obra dramática; e Marga Romero sobre a súa poesía. Maribel Outeiriño, polo seu lado, examinará as numerosas colaboracións de Otero na prensa.

O coleccionábel remata cunha entrega dedicada a unha visión holística sobre a relación de Otero Pedrayo coa Galiza que asina Goretti Sanmartín e que porá o ramo a esta panorámica integral sobre a vida e obra dunha das figuras fundamentais da cultura galega.

Comentarios