O Parlamento galego pide que se declare 2026 como ‘Ano Oteriano’: “Otero Pedraio únenos a todos”

Declaración institucional da Cámara  con ocasión do cincuenta aniversario do pasamento de Otero Pedraio (1888-1976).

otero pesdraio
Representantes da Fundación, RAG, Parlamento e Xunta esta cuarta feira, após a declaración da Cámara.

O Parlamento galego aprobou esta cuarta feira por unanimidade unha declaración institucional a través da que se propón, como recoñecemento e mostra de gratitude do pobo galego a Ramón Otero Pedraio (1888-1976), acordar declarar o vindeiro ano 2026 como Ano Oteriano, “promovendo actividades de investigación, difusión e posta en valor da súa vida e obra en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país”.

O vindeiro ano 2026 fanse cincuenta anos do pasamento de Ramón Otero Pedraio, “figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea, así como o centenario da publicación dunha das súas grandes obras, a Guía da Galiza”.

Profesor, ensaísta, xeógrafo, novelista, político e membro destacado das Irmandades da Fala e máis tarde do Partido Galeguista, Otero Pedraio foi un dos piares do florecemento cultural e intelectual da Galiza, “representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”, como se sinala na declaración.

A súa obra literaria e científica —que abrangue a narrativa, o ensaio, a historia, a xeografía, a filosofía e o pensamento político— “segue a ser un referente de estudo e de inspiración. O seu exemplo de dedicación a Galiza, á lingua e á cultura galega merece, neste marco conmemorativo, un recoñecemento institucional amplo e transversal”.

“Desde o seu prolífico labor non deixou xénero literario sen cultivar, o que lle valeu a designación como ‘Patriarca das Letras Galegas’. Desde o ensaio á novela, desde a poesía ao teatro; o artigo xornalístico ou o traballo científico, tanto histórico como xeográfico, constitúen o inmenso, case inabarcable mundo literario de Don Ramón, ao que hai que engadir a parte máis sobresaínte da súa figura intelectual, por ter sido un dos máis grandes oradores da historia da Galiza”.

“Hoxe a Fundación Otero Pedraio ubicada en Trasalba- Amoeiro vela pola proxección da súa figura e da súa obra, que están presentes na produción editorial, cultural e docente por todo o país. Ramón Otero Pedraio únenos a todos. É un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e as galegas. Por iso o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima”. .

Por todo isto, e considerando a transcendencia da súa figura na construción da Galiza moderna, proponse, como recoñecemento e mostra de gratitude do pobo galego, acordar declarar o vindeiro ano 2026 como Ano Oteriano, promovendo actividades de investigación, difusión e posta en valor da súa vida e obra en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país.

Comentarios