Otero Pedraio, "un home honesto, bo e entregado á causa da Galiza"

O Parlamento da Galiza acordou esta cuarta feira de forma unánime a declaración de 2026 como Ano Oteriano, coincidindo co 50 aniversario da morte do escritor e dirixente nacionalista Ramón Otero Pedraio. 
Ramón Otero Pedraio. (Foto: Real Academia Galega)
Otero Pedraio / (Imaxe de arquivo).

Ramón Otero Pedraio (Ourense, 1888-1976) foi profesor, ensaísta, xeógrafo, novelista, membro das Irmandades da Fala, fundador e dirixente do Partido Galeguista e deputado nacionalista galego nas Cortes españolas. Nesta cuarta feira, a Cámara galega acordou declarar na súa honra 2026 como Ano Oteriano. Ante a presenza das deputadas e dos deputados e do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, deu lectura á declaración institucional acordada polos grupos parlamentarios. O texto lembra a relevancia de Otero Pedraio na Galiza.

"Únenos a todos. É un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e as galegas. Por iso o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima", recolle o texto aprobado. Nel, "considerando a transcendencia da súa figura na construción da Galiza moderna", acórdase declarar 2026 como Ano Oteriano, promovendo actividades de investigación, difusión e posta en valor da súa vida e obra en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país. O texto lembra que Otero alcanzou a acta de deputado, xunto con Castelao e Suárez Picallo, e en decembro de 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, de cuxo Consello Executivo formou parte. Participou moi activamente na campaña do plebiscito do Estatuto da Galiza. "Este percorrido político fixo que fose vítima de represión unha vez sobrevido o levantamento militar que trunca todas as súas ilusións, e no ano 1937 foi destituído e apartado do ensino", sinálase na declaración.

Patricia Arias Chachero, secretaria da fundación que leva o seu nome, que ten como obxectivos manter viva a memoria do autor, promover o coñecemento da súa obra así como custodiar a súa Casa Museo de Trasalba (Amoeiro, comarca de Ourense), sinala a este xornal que "están moi contentos e orgullosos da declaración do Ano Oteriano".

“Don Otero soubo coller o relevo de Castelao, ao fin e ao cabo eles dous tratábanse de irmáns”, explica Arias Chachero. “Para nós é moi importante esta decisión porque significa que durante o ano que vén haberá moita xente traballando a súa figura e obra. É moi importante que o actualicemos e sobre todo que o visibilicemos”, sostén. A obra de Otero é inabarcábel, “eu levo máis da metade da miña vida lendo Otero e son plenamente consciente de que me queda moitísimo por ler e por descubrir”, confesa Arias Chachero.

"Penso que Don Otero foi esencialmente un home honesto, bo e entregado á causa da Galiza. Un home que tentou dalo todo pola terra e pola patria, cunha xenerosidade inmensa”, acrecenta Patricia Arias. “Nunca renunciou ao seus principios, soubo estar, manterse e defender sempre o que pensaba a pesar de todo e de todos”, conclúe.

Desde a Fundación Otero Pedrayo invitan a sociedade a visitar a casa do autor porque “é, literalmente, unha casa que é de todos e de todas, na que se escribiron obras mestras da nosa literatura e se pensaron parte das ideas do Estatuto”, apunta Patricia Arias.

Comentarios