CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Os arquivos do Pentágono

NOR_D10_061217_0738.raf
photo_camera Un fotograma do filme

The Post
(EUA-Reino Unido 2017, 116 min.) 
Dirección: Steven Spielberg
Guión: Liz Hannah e Josh Singer
Fotografía: Janusz Kaminski
Música: John Williams
Elenco: Meryl Streep, Tom Hanks, Bob Odenkirk, Bruce Greenwood, Sarah Paulson, Matthew Rhys, Jesse Plemons, Tracy Letts, Bradley Whitford, David Cross

Sinopse

Nos anos 70 o Washington Post aínda era de tiraxe local. No momento de saír a bolsa, e acadar expansión nacional, un dos seus xornalistas consegue uns cobizados documentos clasificados do Pentágono que destapan anos de encubrimento e mentiras sobre a Guerra do Vietnam. Pero hai un dilema, a súa publicación representa o enfrontamento directo con toda a maquinaria legal de Nixon

Crítica

O Washington Post fíxose famoso en 1972 grazas ao escándalo Watergate, levado polos reporteiros Bob Woodward e Carl Bernstein, que acabou por provocar a dimisión do presidente norteamericano Richard Nixon. Poucos anos despois, en 1976, Alan J. Pakula levou á gran pantalla a historia destes dous reporteiros, encarnados polas estrelas Robert Redford e Dustin Hoffman, en Todos os homes do presidente e a fama do Post foi xa internacional. 

Steven Spielberg sitúa a historia de Os papeis do Pentágono xusto antes do filme de Pakula, e de feito faille non poucas chiscadelas durante o filme. Co-escribe o guión Josh Singer, todo un experto no thriller político, responsábel dos textos de O quinto poder ou a serie O ala oeste da Casa Branca, e filmes de periodismo de investigación como a multipremiada Spotlight, gañadora do Oscar a Mellor Filme e Mellor Guión en 2016. 

O Post era un xornal pequeno de tiraxe local dirixido por Katherine Graham (Meryl Streep), a primeira muller en exercer o cargo de editora xefe. Un dos seus directivos, Benjamin Bradlee (Tom Hanks, antes Jason Robards en Todos os homes do presidente), recibe os papeis do Pentágono, unha información clasificada que destapa décadas de mentiras que manchan a traxectoria de varios presidentes dos Estados Unidos. A súa publicación pode supoñer un pulo ao xornal, pero tamén a súa desaparición: Richard Nixon fará calquera cousa para que non sexan publicados. 

Folga dicir que, unha vez máis, Meryl Streep racha coa pana. E iso a pesar do, moi mellorábel, traballo de dobraxe (por que non iría aos Cantóns ou aos Norte?). Constrúe unha personaxe chea de matices e acada unha impresionante evolución de personaxe con apenas un par de xestos. Un verdadeiro espectáculo vela en acción. Máis que unha nota de feminismo, dá un verdadeiro concerto. De ovación. Sempre quedo sen adxectivos co traballo desta muller que chega ao récord de 21 nomeacións aos Premios Oscar (4 coma actriz de reparto e 17 coma actriz principal). Pola súa banda Tom Hanks fai tamén un dos seus traballos máis intelixentes ao saber estar contido e non tratar de facer sombra á Streep, cousa imposíbel por outra banda...
Non se libra, claro, do “toque Spielberg”, embora tamén sabe estar comedido e deixa que a historia flúa por si mesma, de menos a máis, deixando o sentimentalismo e a grandilocuencia á que acostuma para apenas un par de secuencias chave, precedidas, iso si, duns momentos de tensión dignos do mellor Hitchcock. Ollo coas unllas.

Merecida tamén a candidatura a Mellor Filme, mais non se entende moi ben como é que queda fóra das categorías de Mellor Dirección e Mellor Guión por mor de filmes coma Déixame saír (2017, Jordan Peele) ou A grande enfermidade do amor (2017, Michael Showalter) que non é que estean mal, mais acho que non deberían estar entre as candidatas a estas candidaturas, sobre todo se deixan fóra filmes coma este. Mais todos os anos é a mesma canción así que xa deberíamos estar curados de espanto sobre as decisións da Academia de Hollywood...  

Os arquivos do Pentágono é un filme inspirador, e con mensaxe, que pon o foco sobre a manipulación dos poderes fácticos sobre os medios de comunicación nun tempo no que as leis sobre a liberdade de prensa aínda estaban en cueiros. Un tema que, tristemente, semella que sigue de máxima actualidade. Toda persoa que se dedica ao periodismo debería vela, sobre todo aquelas e aqueles que manipulan as noticias... e quen non, pois tamén.

Comentarios