Mostra no Museo Interactivo da Historia

A arquitecta e fotógrafa Ana Amado expón unha mostra fotográfica sobre arquitecturas da modernidade en Lugo

Recolle dúas series, unha de imaxes en branco e negro de edificios seminais da arquitectura do século XX, e outra con fotografías en color dos poboados de colonización que proliferaron a mediados do pasado século,

Colexio Maior Cesar Carlos, de Aleandro de la Sota.
photo_camera Colexio Maior Cesar Carlos, de Alejandro de la Sota.

A vindeira terza feira, 13 de decembro, a arquitecta e fotógrafa ferrolá Ana Amado inaugura no Museo Interactivo da Historia de Lugo a exposición Arquitecturas (re)visitadas sobre arquitecturas da modernidade, promovida pola Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). 

A exposición, que se poderá visitar até o 13 de marzo, trata sobre a relación de interdependencia entre a fotografía e a arquitectura, e de como a fotografía foi e segue sendo, hoxe máis que nunca, o principal medio visibilizador da obra arquitectónica. A imaxe fotográfica xogou un papel fundamental na difusión da arquitectura, especialmente a partir do Movemento Moderno, cando mestres como Julius Schulman ou Ezra Stoller crearon iconas que perduran nas nosas retinas” –sinala Amado.

 

Dous bloques 

A autora explica que a fotografía é a súa canle para percibir o espazo arquitectónico. Ao mesmo tempo, declara que a súa formación como arquitecta inflúe decisivamente a súa forma de ser fotógrafa, mesmo cando a obra arquitectónica non é o obxecto da súa mirada, non só en canto á composición, organización de volumes ou percepción da luz, senón tamén á hora de enfrontarse a un proxecto fotográfico complexo ao que aplica a metodoloxía proxectual arquitectónica. 

A exposición consta de dous bloques diferenciados. O primeiro está composto por imaxes en branco e negro de edificios seminais da arquitectura do século XX como o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) de Fisac, ou o Colexio Maior César Carlos de Alejandro de la Sota.  

O segundo bloque, en cor, consiste nun grupo de imaxes dos poboados de colonización que proliferaron a mediados do pasado século. Foron 300 poboados diseminados por toda a xeografía estatal que acolleron 60.000 familias migrantes co fin de facer renacer o sustento agrario trala guerra civil. A exposición dá conta dunha trintena deles, proxectados polos arquitectos máis representativos do momento. 

O proxecto audiovisual Colonos, que Ana Amado desenvolveu xunto co tamén arquitecto Andrés Patiño, foi seleccionado para formar parte dos contidos do Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia en 2018. 

Comentarios