aRi[t]mar estrea nova web para continuar a promover a música e poesía da Galiza e Portugal

Esta plataforma en liña, Play.aRi[t]mar, está impulsada pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela.
Certame aRi[t]mar do pasado decembro en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Certame aRi[t]mar do pasado decembro en Compostela (Foto: Nós Diario).

O proxecto de divulgación da música e poesía galego-portuguesas actuais, aRi[t]mar, conta desde esta cuarta feira coa súa propia web, a través da cal pretende dar visibilidade ás artistas que participaron no certame que se organiza desde o ano 2016.

Esta plataforma en liña, Play.aRi[t]mar, está impulsada pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela.

Así, o seu obxectivo é "ser un lugar de encontro da cultura galego-portugesa" e no cal se poden atopar máis de 100 cancións e poesías de autores como Guadi Galego, Sés, Manuel Rivas ou Ana Moura.

No acto de presentación da web participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que subliñou a vontade deste proxecto para "desestacionalizar o proxecto, máis aló da gala que decorre anualmente no marco do festival de música Maré".

Así mesmo, engadiu que "esta ferramenta axuda a achegarse á creación cultural en galego e portugués aos máis novos", e que "a xente que visite o sitio poderá atopar calquera estilo de música ou poesía que lle guste, porque hai moita variedade".

Material a ampliar

Ademais, o director da EOI compostelá, Gonzalo Constela, fixo fincapé no valor educativo da web que "se ofrece como unha ferramenta que os centros de ensino poden usar de forma didáctica". Así, destacou que o portal conta con música, letras e videopoemas, un material que "esperan ir ampliando".

A web, á que xa se pode acceder desde calquera navegador, está deseñada a nivel visual como unha aplicación, pero conta "con todas as vantaxes e flexibilidade propias dunha web", segundo explicou o deseñador da plataforma, Daniel Martín.

Comentarios