aRi[t]mar, o proxecto didáctico e cultural que naceu para divulgar a música e poesía galego-portuguesas contemporáneas, continúa asentándose na axenda cultural dos dous países. Dando a coñecer tanto a arte como a lingua nun escenario vencellado á lusofonía, a iniciativa prepara xa a súa sexta gala de entrega de premios, que foi presentada esta terza feira. A cita será en Compostela hoxe mesmo.
Desde a organización do certame, o director da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, Gonzalo Constenla, destacou a alta participación nesta edición, na que o público emitiu máis de 5.000 votos para decidir a onde irán a parar os recoñecementos nas diferentes categorías.
Para facer chegar eses galardóns a artistas galegos e lusos promóvese unha gala que decorrerá no Auditorio da Galiza a partir das 20.30 horas. O acto estará presentado por Lupe Blanco e Vicente Mohedano e dará cabida a varias actuacións en directo das que poderá gozar o público que reserve as entradas de carácter gratuíto.
“É o único galardón de alcance ibérico que premia música e poesía, e faino a través de votación popular para elixir pezas individuais, non traxectorias nin libros completos”, destacou sobre o proxecto que dá lugar a este evento o director da EOI Gonzalo Constenla.
Palmarés
Nesta ocasión, a cooperación transfronteiriza -promovida nas súas orixes polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e portugués da Escola Oficial de Idiomas de Compostela- deu como gañadores á artista Guadi Galego, que levará o premio á mellor canción en galego por “Cólicos”, presente no seu último disco. Neste traballo abriu a porta a dúas poetas, coas que comparte protagonismo.
No que se refire ao mellor tema en portugués, o público decantouse por “Quase Dança” de Cláudia Pascoal.
No caso da poesía, “A reflexión” de Rosalía Fernández Rial venceu na categoría reservada ao galego, mentres que “O verão sabe-me bem” de Márcia, levará o galardón para o país veciño.
O premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona é nesta ocasión para José Viale Moutinho. Desta forma, o xurado destaca o labor deste escritor "como ponte entre a Galiza e Portugal e impulsor do continuo lingüístico e cultural que representa a lusofonía e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza".