aRi[t]mar premia Ponte... nas Ondas, Xisco Feijoo, Lúa Mosquetera, Wilma Vieira e Ana Moura

Nesta quinta feira, 15 de decembro a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago, decorrerá a sétima edición da gala aRi[t]mar.
Xosé Lago García, Valentín García, Gonzalo Constenla, Mercedes Rosón e Xosé Luís Pena esta segunda feira en Compostela (Foto: aRi[t]mar).
photo_camera Xosé Lago García, Valentín García, Gonzalo Constenla, Mercedes Rosón e Xosé Luís Pena esta segunda feira en Compostela (Foto: aRi[t]mar).

Nesta quinta feira, 15 de decembro a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago, decorrerá a sétima edición da gala aRi[t]mar. Xisco Feijóo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera recollerán os seus premios por teren producido o mellor da música e a poesía na Galiza e Portugal durante o pasado ano 2021, un galardón que tamén logrou a fadista, de recoñecida fama internacional, Ana Moura.

O proxecto Ponte... nasOndas! recibirá, pola súa parte, o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona, polo seu traballo constante en prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño. 

O director da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, promotora dos premios, foi o encargado de dar os detalles da gala na rolda de presentación celebrada esta mañá no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CIPG).

Gonzalo Constenla aproveitou o acto para desvelar a actuación da artista emerxente Catuxa Salom, quen xunto coa artista setubalense A garota não serán as encargadas de pórlle banda sonora a esta nova edición.  Lúa Mosquetera e Wilma Vieira protagonizarán o apartado poético nunha gala conducida por dúas caras coñecidas do mundo do espectáculo: Isabel Risco e Fran Rei

"Ferramenta para lograr o coñecemento"

Tamén presente na rolda de prensa, xunto a representantes de institucións que apoian este proxecto, Xosé Lago, director do Agrupamento de Cooperación Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal, afirmou que aRi[t]mar "é unha boa ferramenta para lograr o coñecemento mutuo entre ambos lados da Raia". 

A concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, destacou a calidade das obras gañadoras así como a presenza de mulleres premiadas, "un indicador de que as mulleres están a liderar a creación artística". 

O responsábel de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, agradeceu a iniciativa da EOI polo seu traballo a prol dun ben intanxíbel como é a lingua común dunha comunidade de máis de 250 millóns de persoas. Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, afirmou que "aRi[t]mar é unha feliz idea que xurdiu hai xa sete anos, que partiu dunha EOI moi activa e que supón un observatorio de contacto exitoso coa lusofonía".

García tamén destacou o proxecto gañador este ano do premio do xurado, o programa de radio interescolar Ponte... nas ondas!, que vén de lograr situarse na lista das mellores prácticas co Patrimonio Cultural da Unesco.

Comentarios