Anúnciase o adeus de The Pogues, grande influencia en varios grupos do rock galego

“Este ano é o derradeiro”, asegura Shane McGowan, o cantante da banda con raíces irlandesas cuxo éxito foi fundamental para entender fenómenos como o bravú malia que nunca tocaron en directo en Galiza, que só visitaron para un play-back da TVG no que amosaron un estado etílico ao nivel da súa lenda.

Pogues-Live-crop
photo_camera The Pogues, nunha actuación hai dous anos.

“Foi velos e dicir: eu quero facer iso”. A confesión é de Rómulo Sanjurjo, acordeonista e principal compositor de Os Diplomáticos de Monte Alto, a banda que liderou o movemento bravú -cuxo vinte aniversario celébrase este ano- e que armou boa parte da súa proposta grazas á influencia dun grupo de londiniensess de orixe irlandesa que talvez estean vivindo os seus últimos meses como conxunto: The Pogues. A eles refírese a frase do inicio. A cando Sanjurjo viunos tocar en 1987 no festival de Lorient, un concerto que marcou a súa carreira artística, que á súa vez marcou outras moitas, que á súa vez...

"Foi velos e dicir: eu quero facer iso", lembra Rómulo Sanjurjo, principal compositor de Os Diplomáticos, que os viu en directo en Lorient no 87

Unhas declaracións de Shane McGowan, cantante e xenial letrista da banda, na revista británica Uncut veñen de marcar o principio da fin de The Pogues. “Creo que este ano é o derradeiro no que nos xuntamos”, afirma o que fora tamén vocalista de The Nips en referencia ás xiras que vén celebrando a banda desde 2001, nunha entrevista na que tamén hai espazo para tratar a súa saúde -espremida polo alcoholismo malia que agora pasa por un bo momento físico- ou para a lembrar a violencia urbana que sacudía o Reino Unido nos anos 70 e 80, tempos de punk. Precisamente adoptarrr a actitude dese movemento e sumarlle a relectura da música tabernaria foron as armas que usaron os compoñentes de The Pogues para xerar unha conmoción que -talvez polas conexións culturais entre Galiza e Irlanda e tamén pola existencia dun espazo nese sentido- obtivo aquí unha inmensa repercusión.

Punk

Foron The Pogues grupo de cabeceira para moitos, incluso para aqueles que desprezaban a utilización de calquera instrumento tradicional ou mesmo acústico no rock pero si se identificaban co seu punkismo cervexeiro e o seu hábitat, que era o mesmo que o de The Clash -Joe Strummer chegou a ser o seu produtor e mesmo cantante suplente- ou os Sex Pistols, aos que ver en directo cambiou a vida a McGowan, segundo confesión propia. Pero, a maiores, o seu estilo abríalles portas vetadas a esas bandas. Como por exemplo, ámbitos máis folk ou, segundo a etiqueta que fixo fortuna, célticos.

Esa foi a súa vía primeira de entrada en Galiza, malia que en realidade foi no rock onde máis influencia tiveron, especialmente no bravú. Rómulo Sanjurjo acudiu a aquel concerto en Lorient como compoñente de Belida, unha banda folk con aires camp da Coruña, ao igual que o outro gran piar de Os Diplomáticos, Xurxo Souto. A este non lle pareceron tanta cousa The Pogues naquel momento, pero cando racha co folk e decide crear un grupo de rock decátase de que naqueles rapaces entolecidos e tan aferrados aos instrumentos ou ao micro como á botella había un camiño de vehemencia a explorar, un vieiro case inédito no (por outra parte escaso) rock en galego da época. Algo semellante pasoulles, por exemplo, a Os Verjalhudos.

O líder dos Pogues, Shane McGowan, actuou en solitario na Coruña en 2001, nun concerto irregular que alcanzou algún momento de éxtase

Polo tanto, propoñendo unha comparación sempre odiosa pero efectiva en xornalismo, pódese dicir que respecto a Irlanda, Galiza tiña a finais dos 80 uns Chieftains (Milladoiro), uns Dubliners (A Roda) pero non uns Pogues. Ata que ocuparon ese lugar Os Diplomáticos, e despois moitos outras bandas, a maioría delas tamén admiradoras da de McGowan, Spider Stacy, James Fearnley e compañía. Mesmo na actualidade, unha corrente de punk-celta que, de certo xeito -malia evidentes diferencias- tivo como precursores aos que orixinalmente se chamaban Poguemahone (unha especie de tradución fonética ao inglés da expresión que en gaélico significa “que che dean”) atopa na Coruña unha banda de éxito internacional nese circuíto, como son Bastards on Parade.

Evidente é a influencia deses The Pogues que agora entran na súa recta final en determinado rock galego, mais nunca pisou a banda anglo-irlandesa Galiza para ofrecer un concerto. Si o fixo o seu líder e cantante, Shane McGowan, que en solitario -acompañado polos sensacionais músicos macarras que formaban The Popes, o seu grupo de acompañamento- actuou na praia de Riazor en 2001, dentro dun festival folk das festas da cidade. Foi aquel un concerto agridoce. Comezou con case dúas horas de retraso, xa moi entrada a madrugada, ante pouco máis de 1.500 persoas logo de que dous terzos do público marchasen (foi gratuíto). McGowan saíu ao escenario abaneando, cun copazo na man, fondamente ebrio e axudándose dun bastón, que despois aproveitou para golpear a batería. Só era capaz de centrarse na metade das cancións, pero cando o conseguía levaba a tolemia ao público ou o deixábao ao bordo da bágoa, como cando interpretou con toda a emoción posíbel a balada tradicional irlandesa The Auld Triangle, baseada nun poema dun heroe maldito irlandés, o escritor e preso do IRA Brendan Behan.

Iso foi McGowan en solitario, The Pogues nunca tocaron en directo en Galiza, se ben si que houbo polo menos unha decena de galeg@s na súa soada actuación no Azkena Rock Festival de Gasteiz en 2005 ou polo menos un -o xornalista que asina esta crónica- na Semana Grande de Bilbo en 2007, cando un programador con evidentes problemas de bipolaridade contratounos a última hora para suplir a baixa de... Chayanne. Tamén é posíbel que houbese galeg@s nos concertos que ofreceron pola Península en 1989 acompañando a UB-40 ou nas súas esporádicas anteriores visitas, que ata lles serviron para ser capa da revista Rockdelux.

En Galiza

Pero en realidade si estiveron The Pogues en Galiza. No Porriño, concretamente, en decembro de 1989 -por certo, apenas seis meses antes de que tamén nesa localidade ofrecesen o seu primeiro concerto Os Diplomáticos de Monte Alto- cando participaron, co play-back obrigatorio, na gala de fin de ano da TVG. Fixeron como que interpretaban White City e Fiesta -o tema que lles inspirou o delirioviviron en Andalucía cando participaron na rodaxe do western (ou algo así) Straight to Hell de Alex Cox- pero o recordo principal que deixaron foi aquel que fixo honra a súa lenda de “banda máis bebedora do mundo” (por desgraza tantas veces usada para eclipsar o seu talento), xa que case non se tiñan de pé, caían constantemente e dedicábanse a todo agás simular que tocaban, con aspecto de pasalo realmente ben, por outra parte. O escándalo foi tal que se conta que até se chegou a valorar a posibilidade de non emitir a súa actuación, que finalmente si viu a luz, se ben utilizando planos duplicados e certos efectos que limitaban o campo visual co fin de evitar o máximo posíbel a visualización do disparate que no escenario se vivía.

A TVG valorou non emitir a súa actuación na gala de Fin de Ano de 1989 após o disparatado espectáculo etílico que ofreceron no play-back

25 anos despois, aqueles músicos -entre os que xa non está o recentemente falecido Philip Chevron, que fora o primeiro punki homosexual na conservadora Irlanda dos 80- parecen estar a piques de botar a persiana como banda. Seguramente será este ano, após a xira de Nadal. Iso anuncian. O adeus. Queda a súa pegada e a súa influencia, moi evidente en algúns grupos de rock en galego

Comentarios