CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Annabelle, un filme que mete algo de medo

annabelle1
photo_camera Un fotograma do filme

ANNABELLE: CREATION

(EUA 2017, 109 min. - Terror) 

Dirección: David F. Sandberg

Guión: Gary Dauberman

Fotografía: Maxime Alexandre

Música: Benjamin Wallfisch

Elenco: Anthony LaPaglia, Miranda Otto, Lulu Wilson, Talitha Bateman, Stephanie Sigman, Samara Lee, Grace Fulton, Philippa Coulthard, Tayler Buck

SINOPSE

Doce anos despois da tráxica morte da súa filla pequena, o matrimonio Mullins ofrece a súa casa como centro de acollida para nenas orfas. O que non sospeitan é que na casa habita unha presenza demoníaca.

CRÍTICA

Expansión do universo dos “expedientes Warren” iniciados, alá polo 2013, da man de James Wan, e que xa levan unha secuela e máis dous spin-offs: do primeiro filme sacaron Annabelle, e da citada secuela outro spin-off que levará o título de A Monxa, aínda en fase de post-produción... Pero antes de estrear esta última, e para que a espera sexa máis levadía, os produtores, con James Wan á cabeza, decidiron sacar unha precuela da boneca Annabelle que, asemade, é precuela de Expediente Warren: The Conjuring. En fin, unha enleada...

Dirixe David F. Sandberg, realizador sueco que saltou á palestra coa plana e sobrevalorada Nunca apagues a luz, longametraxe sacada da súa propia curta homónima, curta que si daba arrepío. En Annabelle: Creation dispón dun material tan manido e cheo de clixés que parece mentira que puidera sacar algo interesante. Curiosamente tira de talento para driblar as carencias de guión, que son moitas, e saír bastante airoso da encarga...

A historia sitúase a mediados dos anos 40. Samuel Mullins é un fabricante de bonecas que anda a construír unha boneca de edición limitada. Só fará 100 exemplares. A boneca é fea coma o demo, pero el está plenamente convencido que será un éxito de vendas. Pouco despois a filla dos Mullins morre nun terrible accidente. Pasan 12 anos. Un grupo de nenas orfas, acompañadas por unha novicia, son convidadas a aloxarse na casa dos Mullins. A estas alturas do campionato todos deberíamos saber xa que a pantasma da nena terá relación directa coa boneca e fará a vida imposíbel ás rapazas. Pois ben, Sandbeg tamén sabe que o sabemos e xoga precisamente con esta aparente tranquilidade que dá (crer) saber o que vai acontecer para que nos confiemos e así poder iniciar unha fase de desasosego sen descanso, incluso logra sorprender o persoal con algún que outro susto logrado. Mais acada a medias o seu propósito...

A medida que avanza a metraxe, vaise creando unha atmosfera suficientemente inquietante nun exercicio de estilo bastante interesante... mais chega ata onde lle deixan. Chegando á desenlace, a trama, seguramente por exixencias da produtora, empéñase en empatar co filme anterior, é dicir, o que viría despois, cronoloxicamente falando... Un empeño un tanto forzado que remata por acartonar o conxunto deixando Annabelle: Creation nun mero filme feito, en exclusiva, para espremer a billeteira.

En definitiva, pouco (ou nada) novo no horizonte que non se fixera xa en mil e un filmes de posesións demoníacas, bonecas diabólicas, casas encantadas e nenas asustadas. Si hai que recoñecer, e agradecer, o esforzo de Sandberg por realizar unha peza de xénero que, se ben carece de espírito para transcender, si é un entretemento que se deixa ver sen maior esforzo e, inclusive, logra que cheguemos ao atropelado clímax final con certo interese. Para incondicionais da saga.

Comentarios