O pai do shock rock, irrompe cun novo traballo puramente guitarreiro e no que se volve a ser capa de non sonar repetitivo co mesmo estilo que leva a facer preto de 50 anos de carreira. Claro queda que a súa voz xa non é a mesma que antes, e que este álbum non é Welcome To My Nightmare nin tampouco é Trash, pero que é claramente un disco de Alice Cooper. Nos 10 temas do disco, notamos como a forza recae nas guitarras de Strauss e Henriksen co que Cooper deixa claro cal é o espírito deste traballo ao facer dos riffs cheos de glam rock a súa bandeira.
A apertura do disco con Paranormal é un increscendo de sensacións no que Cooper deixa entrever o seu aire máis setenteiro, que vai cobrando forma a medida que vai avanzando, divertindo pero sen sorprender. A falta de sorpresa é unha das tónicas que achamos neste plástico. Ben por tratar de demostrar, cousa que consegue, que é un artista que segue ao pé do canón e en plena forma, non é quen tampouco de arriscar un pouco na proposta. O primeiro tema que chama a atención é Fireball, o terceiro corte, onde achamos unha produción bastante retro no que a voz de Cooper fica afogada en segundo plano dunhas harmonías propias dos oitenta nas que as guitarras xogan ao seu antollo. Achamos que o seguinte tema é Paranoiac Personality, que o fora xa o sinxelo elixido como adianto. Pode que sexa o mellor tema do disco, composto como cuns ritmos claramente marcados tratando de darlle forma dun novo himno que cante a parroquia co puño en flor en cada directo.
Fallen in Love, conta coa colaboración do guitarrista de ZZ Top, Billy Gibbons o que fai que impregne co seu estilo todo o tema quitándolle protagonismo a o propio Cooper, que recupera con Dynamite Rock, outro dos temas destacados do disco pola súa potencia e garra roqueira que invita a moverte sen poder evitalo, ao mesmo xeito que fai con Rats. Deixando claro que o rock é o estilo que máis lle presta. O resto de pezas, malia non ser malos temas, tampouco son temas que transmitan algo que chame a atención, pero son os encargados de manter a liña do álbum sen dar paso ao aburrimento.
Especial mención merece o segundo CD que contén 8 bonus tracks, 6 deles gravados en directo e 2 deles, gravados en estudio con Alice Cooper Band orixinal. Trátase de Genuine American Girl e You An All Your Friends e son o verdadeiro motivo para facerse con este disco. Aquí achamos ao verdadeiro Alice Cooper, o que nos namorou con Welcome To My Nighmare e tratou de aterrarnos nos seu directos. Dúas verdadeiras xoias.
Un novo disco de Alice Cooper que sen dúbida gustará aos seus máis fieis seguidores, mais que non pasará á historia. Serve para demostrar que Cooper segue vivo, facendo o que sabe facer e listo para seguir percorrendo os escenarios de todo o mundo co seu espectáculo de shock rock.
Alice Cooper nas redes. Twitter, facebook e web.
Listaxe de temas
CD I
Paranormal
Dead Flies
Fireball
Paranoiac Personality
Fallen In Love
Dynamite Road
Private Public Breakdown
Holy Water
Rats
The Sound Of A
CD II
Genuine American Girl (coa Original Alice Cooper Band)
You And All Of Your Friends (coa Original Alice Cooper Band)
No More Mr. Nice Guy (live in Columbus)