Alfonso Zarauza pon imaxe á música de Xiao Berlai

A peza de Berlai é unha homenaxe á canción Miudiño e á cultura de taberna.
Berlai e Zarauza.
photo_camera Berlai e Zarauza.

Onte, a sala Riquela de Santiago acolleu a presentación de "Como Sue Ellen", o videoclip do director de cine Alfonso Zarauza que acompaña a canción do mesmo nome de Xiao Berlai, incluída no seu último disco-libro, Estampas Galegas. A peza de Berlai é unha homenaxe á canción Miudiño e á cultura de taberna, di o músico, "porque un dos maiores centros culturais que hai na Galiza son as cantinas". 

"Se esmorece a cultura da cantina en favor de lugares con menús e bebidas plastificadas propiedades de fondos de inversión, esmorecerá tamén parte da nosa historia e iremos ficando sen o abrigo de aqueles sitios que nos permitían cantar, tocar, voar, sonhar…". 

A respecto desta colaboración, Zarauza declarou que sente "o máximo respecto por Berlai como persoa comprometida e nobre, como artista e mais como amigo. Hai moitos anos que temos ganas de mesturar a súa música coas miñas imaxes. Por motivos de axenda fomos adiando durante anos esta colaboración, pero finalmente o momento chegou con este videoclip". O director elaborou un plano secuencia de máis de catro minutos e medio de duración "para acentuar o ensimismamiento alcólico". 

"Cando escoitei “Sue Ellen” entre un grupo de temas que conformaban o seu último traballo non tiven dúbida de que este sería o tema para o que facer o videoclip. Encántame este tema. Desde o primeiro instante da escoita, imaxinei un traxecto seguindo a un personaxe que vaga dunha taberna a outra por un entorno rural calquera".  

"Joserra Lorenzo de La Esponja Comunicación axudoume a configurar toda a proposta estética da cámara e a posprodución da imaxe. Foi un traballo feito entre os tres, Xiao, Joserra e eu, e os tres quedamos moi contentos do resultado", remata Zarauza.  

Comentarios