Lembranza

Saleta Goi, muller galega consciente

Saleta foi unha muller libre que nunca pediu permiso a ninguén.
Ilustración de Saleta Goi elaborada pola artista Laura Romero.
photo_camera Ilustración de Saleta Goi elaborada pola artista Laura Romero.

Foi unha nena galega a vivir A Corda e A Chaira naqueles anos previos ao holocausto de 1936. Filla do secretario do concello da Pastoriza, coñeceu a represión franquista de primeira man, tras ser o pai sancionado e expulsado do seu posto de traballo polas súas conviccións democráticas. E aquí, comezou outra historia para a pícara Saleta e para aquel Luís Goi Regueira, funcionario de lei e palabra, directivo da agrupación local de Izquierda Republicana e amigo para sempre de José Díaz Villamil, o Pepe mártir por excelencia do Cerdeiral da Pontenova.

Unha estrela nun mundo de branco e negro

Foi unha mociña galega, orfa de nai desde sempre, que acompañou o pai naquela condena imposta para sempre. Parte da lexión dos derrotados, sinalada por filla de vermello, viviu os seus primeiros anos en Lugo, desde onde o pai gañou a vida como comercial de diversas firmas e, tamén, prestando servizos de contabilidade. Marcada a ferro, pero vital e alegre, foi un sol naquela cidade amurallada de finais dos 40 e 50, unha estrela naquel mundo de branco e negro.

Foi unha galega completa participando xa desde finais da década dos 50 de todo aquel universo derrotado en 1936 pero non vencido. Así, xa neses anos, acudiu a Compostela á misa de Rosalía de Castro de 25 de xullo, a única manifestación galeguista tolerada polo réxime, coñecendo a carón do seu compañeiro da vida, o poeta Manuel María, todo o mundo conscientemente galego. Aquí naceu, para sempre na súa lembranza, un referente de todo, Ramón Otero Pedraio, o vello petrucio de Trasalba, para ela só Don Ramón.

Unha patriota militante

Foi unha patriota sen concesións que participou en todo o proceso de reorganización do nacionalismo desde comezos dos sesenta até hoxe en día.

Membro do Consello da Mocidade, de onde a expulsaron por comunista, canda outros compañeiros, o sector ligado a Ramón Piñeiro, militante desde os seus comezos en 1964 da Unión do Povo Galego, dirixente da Asemblea Nacional-Popular Galega e cofundadora do Bloque Nacionalista Galego (BNG), mantívose segura nas súas militancias, optimista no futuro do país pero preocupada pola súa marcha.

Unha muller libre que nunca pediu permiso

Foi unha muller libre que nunca pediu permiso a ninguén. Libreira naquel espazo de cultura galega que foi Xistral en Monforte, comerciante para manter a súa independencia económica pero cunhas ideas e un proxecto vital nunca en venda, amiga certa dos seus con paixón e razón, compañeira na vida e na loita dun dos máis grandes escritores de toda a literatura galega, Manuel María e sempre Saleta, así sen máis, para todos e todas que tivemos a sorte de coñecela e tratala.

Na romaría dos inmortais

É Saleta para sempre unha persoa que fica connosco e nunca nos abandonará. Mentres a acompañabamos canda unha multitude de galegos e galegas no seu acto de despedida en Outeiro de Rei, démonos conta de que está xa na romaría dos inmortais da galeguidade e quedamos co vivido con ela e co que nos queda aínda por vivir. E pensamos nos próximos encontros e parabenizámonos por tela coñecido e partillar con ela nación. E lembramos os aplausos do pobo en Outeiro a Saleta, uns aplausos que as galegas e os galegos só reservamos para os pais e as nais da patria.

A Casa-Museo ficou pequena para despedir Saleta Goi

Pasadas as 17 horas comezaba na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, un acto civil de despedida a Saleta Goi cunha emotiva e brillante intervención do secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, quen salientou os firmes principios e a dignidade insubornábel da homenaxeada.

"Esta Casa-Museo non esquecerá nunca a Saleta, porque ela é a nosa fundadora e atravesa toda a obra do escritor, e está na nosa máis altísima estima, de moitos galegos bos e xenerosos", expresou Ansede, para lle dar paso a amigas e amigos como Nemésio Barxa, a súa médica Maca Silva, Xosé Estévez, María Pilar García Negro, Felipe-Senén, Margarita Ledo e Francisco Rodríguez.

Comentarios