A Coruña homenaxea Manuel María e Saleta Goi coa representación de 'A lúa vai encuberta'

O acto decorreu no Teatro Rosalía.
Melania Cruz, recitando un poema de Manuel María, en homenaxe a Saleta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Melania Cruz, recitando un poema de Manuel María, en homenaxe a Saleta. (Foto: Nós Diario)

Hoxe decorreu no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) a décimo terceira edición das Lúas de Outono, a homenaxe anual ao poeta Manuel María na última cidade na que residiu antes de falecer en 2004.

A edición deste ano estivo marcada pola ausencia de Saleta Goi, compañeira de Manuel María durante case 50 anos e presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. A activista social e política faleceu o pasado 10 de setembro, cando contaba con 90 anos de idade. “É a primeira vez que nos falta a luz e o sorriso de Saleta”, salientou Alberte Ansede, secretario da Fundación e da Casa-Museo Manuel María, ao comezo da homenaxe.

Unha vez comezado o acto, as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante representaron a obra de teatro A lúa vai encuberta baixo a dirección de Tito Asorei, e protagonizado por, entre outros, Melania Cruz, Vanesa Sotelo, Davide González e o propio Asorei.

A peza foi a gañadora da segunda edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e leva máis de 50 representacións por todo o país. Tito Asorei explicou en días anteriores ao acto que a obra, baseada nunha peza homónima do poeta homenaxeado, pretende "ofrecer claramente respostas a moitas preguntas, entre elas, explicar porque o noso país chegou até aquí".

Nun comunicado remitido aos medios, a Casa-Museo Manuel María explicou que o espectáculo " é un verdadeiro mestrado sobre a historia contemporánea de Galiza desde unha óptica propia, ao tempo que un chamamento á acción para a modificar".

Após decorrer a homenaxe a Manuel María, foi a quenda de Saleta Goi. No mesmo escenario, a cantante Uxía Uxía interpretou un repertorio de poemas musicados que Manuel María lle dedicou a Saleta Goi durante o tempo que estiveron xuntos.

Comentarios