CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

A forma da auga

auga2
photo_camera Un fotograma do filme

A FORMA DA AUGA

The Shape of Water

(EUA 2017, 123 min.)

Dirección: Guillermo del Toro

Guión: Guillermo del Toro e Vanessa Taylor

Fotografía: Dan Laustsen

Música: Alexander Desplat

Elenco: Sally Hawkins, Doug Jones, Michael Shannon, Octavia Spencer, Richard Jenkins, Michael Stuhlbarg, Lauren Lee Smith, David Hewlett

 

SINOPSE

Elisa é unha tímida empregada de limpeza que traballa nun laboratorio secreto de investigacións científicas estadunidense. A súa vida comeza cobrar sentido o mesmo día que traen un estraño ser metade home metade anfibio.

 

CRÍTICA

Para ben ou para mal, temos aí ás portas a enésima edición da gala de entrega dos premios Oscar de Hollywood. Unha das citas cinematográficas máis glamurosas do ano marcada a lume en todas as axendas de medio mundo malia que, no fondo, saibamos de antemán que imos levar grandes decepcións cos resultados, pois adoita primar o nepotismo capitalista por riba da calidade fílmica, salvo honrosas excepcións (que confirman a regra), claro...

 

Este ano o foco recae de cheo sobre as costas de Guillermo del Toro e a súa xenial A forma da auga. Acapara nada menos que 13 nomeacións, igualando filmes coma Foise co vento ou O señor dos aneis, aínda que queda ás portas do récord (de 14 nomeacións) que atesouran: All about Eve, Titanic e La La Land. Curiosamente tamén acapara a atención por mor dos ecos de plaxio que retumban ao lonxe a respecto dunha novela e dunha curta holandesa. Tema complexo este da homenaxe ou plaxio nas artes escénicas en xeral, mais neste caso todo apunta a que son meras chamadas de atención para se sumar ao carro do éxito do director mexicano e así acadar algo de repercusión. Non teño a máis mínima dúbida. Sóbralle imaxinación a Del Toro para ter que recorrer ao plaxio. Chega con botarlle un ollo ao seu xenial libro Gabinete de curiosidades para decatarse do maxín infinito que ten este home. Se realmente se quere acusar dalgún plaxio Guillermo del Toro é de plaxiar o propio Guillermo del Toro. Punto.

 

Certo é que A forma da auga fai homenaxe directa, e recoñecida, A muller e o monstro (1954, Jack Arnold), que non era outra cousa que unha volta de parafuso á historia de A bela e a besta. Tamén ten chiscadelas de cinefilia ao xénero musical (en concreto a Fred Astaire e Ginger Rogers), e incluso se detecta un ton inicial á francesa Amelie (2001, Jean-Pierre Jeunet), pero o que realmente desprende é esa atmosfera de creatividade e imaxinería visual habitual á que nos ten acostumada Del Toro, comezando pola criatura mariña (practicamente idéntica ao Abe de Hellboy, que tamén estaba interpretado polo espigado Doug Jones), así como o tratamento dos viláns e o arume a historia de conto de fadas con final poético (ao estilo de O labirinto do fauno), e todo así... De feito semella coma se todos os seus traballos previos foran meros filmes-borradores de probas que acabaron confluíndo nesta obra cumio madura, redonda e sen prexuízos que acumula todo o practicado anteriormente, e algo máis...

 

A forma da auga posúe todos os ingredientes para facerse coas estatuíñas a Mellor “Todo”. Historia romántica con toques de xénero fantástico, musical, comedia, drama, acción, paixón, suspense, boas interpretacións, feminismo, crítica política, carga social, efectos especiais ao modo tradicional, deseño de produción abraiante, banda sonora que lle senta coma unha luva, excelente fotografía, moita cinefilia e, por riba, emociona. Non sei que máis se lle pode pedir a unha película... Outro cantar xa sería que acabe levando todos, algún ou ningún dos Oscar aos que opta, pero todo o mundo sabe tamén que o número de Oscars non fai mellor ou peor o filme.

 

Pouco máis que engadir agás que vaian vela e gocen cun dos mellores filmes do ano.

Comentarios