domingo 24/10/21
A FONDO: 25 CABODANO DE CARVALHO

Sermos entrega neste número 48 páxinas, coa estrea do suplemento Sermos Adega

Analizamos a situación do noso idioma na administración de xustiza 30 anos despois da primeira sentenza en galego, entrevistamos o presidente de Fruga e da Real Academia Galega das Ciencias, analizamos a realidade das axudas contra a exclusión... Xa á venda na nosa loxa.

unnamed

O número 139 do semanario Sermos Galiza xa está na rúa e na nosa loxa. Con este número do semanario estreamos un novo suplemento, ‘Sermos Adega’, centrado na actualidade ambiental, co que ‘Sermos Galiza’ vai a 48 páxinas. O A Fondo desta volta é un monográfico dedicado ao 25 cabodano de Carvalho Calero.

O tema da semana analiza a situación do galego na administración de xustiza. Trinta anos despois da primeira sentenza en galego a presenza da lingua propia do país no ámbito xudicial abala entre o residual e o testemuñal. Un ermo que tentan reverter iniciativas e voces que queren facer xustiza ao galego. Un artigo de Luis Villares (maxistrado e membro da Irmandade Xurídica Galega) completa a reportaxe.

Entrevistamos Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega da Ciencia: "A ciencia busca a verdade e a relixión non pode ir en contra”.

En ‘O computador do alcalde da Coruña vai con 'enchufes'  falamos de como un auto da xuíza De Lara relaciona a Carlos Negreira, tamén home forte do PP na provincia da Coruña e íntimo de Feijóo, coa trama Pokémon. Non foi imputado, pero non se descarta que poida pasar a selo nas próximas semanas, antes ou despois das eleccións.

‘Escaseza e demoras nas axudas contra a exclusión’ é o título da reportaxe na que falamos como a contía dunha Risga –inferior ao salario mínimo– non chega para facer fronte aos gastos básicos dunha familia. Porén, a lei exixe que para a solicitar non se perciba ningún ingreso. O tempo de tramitación demórase entre 8-10 meses.

‘Catalunya? Derrotada’ é un artigo de Suso de Toro no que o escritor compostelán reflexiona sobre o acontecido neste país e como foi decaendo -interesadamente- o proceso soberanista.

Tamén entrevistamos o presidente de Fruga ás portas da II Asemblea Nacional da Federación Rural Galega. “As política do PP levaron a lei da selva ao agro galego" afirma Xurxo Álvarez, que lembra que en Galiza “a superficie agraria útil é o 20% mentres en Francia ou Gran Bretaña supera o 50%".

En Deportes, ‘As rapazas do CRAT volven loitar polo máis alto’. O equipo coruñés de rugbi feminino finaliza na primeira posición a Liga regular e afronta agora a recta definitiva da competición co firme propósito de alcanzar o título estatal. Este ano o seu plantel está reforzado con varias xogadoras de latitudes moi afastadas de Galiza.

En Viaxes na Miña Terra percorremos as fermosas terras ourensás de Ribadavia.

Na sección de Textos entrevistamos Luis Valle e publicamos un adianto electoral de ‘As cicatrices do Sol’, a obra gañadora do Lueiro Rey de Poesía. Tamén publicamos neste número unha peza sobre Herberto Hélder escrita por Xosé Lois García, responsábel da única entrevista que se lle fixo ao poeta portugués.

E na contra-capa, falamos con Raquel Abraira, da Casa do Muiñeiro (Meira). "Recuperamos os doces que tradicionalmente se fixeron na comarca".

comentarios