Roberto Vilameá: "Con este A Fondo un decátase do amor á nación galega que a UPG inculca"

Neste mes que entra faranse os 50 anos daquel 25 de xullo de 1964 no que foi fundada a Unión do Povo Galego. 

Da man de Roberto Vilameá Ponte, membro da Fundación Bautista Álvarez de estudos nacionalistas, adiantamos nesta entrevista algún dos contidos do suplemento A Fondo desta semana, que sairá á luz en vésperas do acto político programado para este 5 de xullo en San Domingos de Bonaval para conmemorar o cincuentenario do nacemento da UPG.

-Cincuenta anos dá para moito. Como condensalos nestas oito páxinas do A Fondo? Por que enfoque optaches?

-O enfoque central asenta sobre tres aspectos fundamentais, sabendo que nós non podiamos facer deste suplemento un caderno de historia. Comezamos cun artigo de Bautista Álvarez sobre os inicios. O feito de que o autor deste texto participara hai agora 50 anos na fundación da UPG é un valor en si mesmo. Un segundo bloque, dando un salto importante no tempo, é a entrevista ao secretario xeral da UPG, Néstor Rego, que non está pensada en clave historicista, sobre o que foi ou deixou de ser a UPG, pois precisamente orientamos a grande maioría das preguntas a saber que é o que pensa a Unión do Povo Galego respecto da situación do movemento nacionalista galego en xeral, e en particular, do BNG, e dos retos que ten hoxe en día. E acudimos para iso a unha persoa que, aínda que nova, xa conta con experiencia de abondo para dar as chaves sobre a actualidade do nacionalismo.

-En que consiste o terceiro dos bloques?

 Por último, quixemos darlle a palabra a persoas que están na UPG, outras que non están xa afiliadas pero seguen ligadas ao ideario nacionalista e cuxo punto de vista é tamén necesario, e tamén a persoas novas que levan menos anos de experiencia na UPG, e que nos poden comunicar outra perspectiva complementaria das anteriores. Son persoas con diferentes niveis de responsabilidade política e distintas funcións, querendo ofrecer así unha visión coral.

-Que cres que vai chamar a atención deste contido do A Fondo?

-Todo vai chamar a atención. En primeiro lugar, o que ten que ver co nacemento da UPG, que foi nunhas circunstancias ben complicadas, e froito do fracaso intencionado do Consello da Mocidade, a que quería ser delegación xuvenil do Consello de Galiza, cuxo presidente fora Castelao. As respostas de Néstor Rego sobre o que pasa hoxe en día van engaiolar ás e aos leitores que gostan máis do presente. E as entrevistas a militantes e ex militantes da UPG parten de dúas preguntas: por unha banda, unha valoración obxectiva ou unha interpretación política sobre o papel da UPG e outra, cun aspecto máis humano e persoal, que vai ser tamén moi rechamante, ao respecto das experiencias persoais, de cómo se viviron as dificultades, os medos e as esperanzas na militancia. Non é historia stricto senso pero é unha parte fundamental do noso ser, da nosa esencia como persoas.

-Das respostas que dan as persoas que estiveron, ou están, vinculadas á UPG chamouche a atención algo novo no que non repararas?

-A verdade é que si, a maioría das persoas que militaron ou permanecen vinculadas á UPG manifestan sempre, máis alá das discrepancias políticas produto de debates vividos con intensidade, un grande amor á Patria e confianza no povo galego, sabendo que 500 anos de colonización non se superan en 50 anos. Amosan a conciencia de participaren organizadamente na reconstrución da nación, achegando o mellor de si ao proceso de autodeterminación aberto de novo hai medio século. Gostei moito de percibir esa ansia de sentirse copartícipes dun proceso colectivo que ten unhas metas a cumprir.

-A entrevista a Néstor Rego achega claves ben interesantes para entender as preocupacións actuais da UPG. Que foi para ti o máis destacado das súas declaracións para este A Fondo?

-Sería difícil destacar algo en concreto, pois todo ten actualidade e interese. Coido que hai unha idea que sobrevoa todas as respostas: a disposición a discutir de todo para lograr a ampliación social da base nacionalista, sempre que as opcións se xeren dentro da Galiza e tendo presente o principio de autoorganización, tendo como centro de visión Galiza e os intereses das e dos galegos. Se queremos ser alguén no debate aberto respecto á nova configuración do estado, no contexto do proceso soberanista en Cataluña e en Euskadi, temos que facelo dende dentro do país.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios