O AFondo da comunidade educativa de Guitiriz sobre Díaz Castro

Desde a súa terra, ao pé da veciñanza que aínda ten memoria da súa figura, a rapazada de Guitiriz leva máis de dez anos reivindicando a figura do poeta. Sermos Galiza publica esta semana un A Fondo, disponíbel na nosa loxa, cunhas autoras e autores moi especiais: o alumnado do IES Poeta Díaz Castro. 

A Fondo
photo_camera A Fondo

Hai máis de dez anos que o IES Poeta Díaz Castro reivindica a figura do seu veciño, o neno Pepe da aldea dos Vilares. Non hai alumn@ que non coñeza os seus versos e, desde as crianzas máis cativas, gábanse de repetir os poemas que forman parte do seu territorio, as palabras que identifican a terra de Guitiriz que o poeta reflectiu na súa obra. 

Desta volta, o A Fondo -o caderno de análise de Sermos Galiza que esta semana chegou ao seu número 66- realizouse desde un centro de ensino público, o IES Poeta Díaz Castro desde onde naceron multitude de iniciativas en todos estes anos, entre elas, os audiovisuais “A lus do mundo” e “Os camiños esquencidos”, estreada esta mesma semana.

O entusiasmo de toda a comunidade educativa serviu para que Díaz Castro fose o cerne de accións multidisciplinares, de cancións, recitais, exposicións, roteiros... e mil propostas nas que o alumnado participou con ilusión. Son eles e elas autores de luxo para un especial do Día das Letras Galegas no que nos achegamos a Guitiriz, a un poeta que foi reivindicado pola mocidade. Canda eles e elas, o A Fondo recolle aportacións da directora do centro, a profesora Olga Aguiar, de Alfonso Blanco, profesor, grande amigo e promotor da difusión da obra e a figura de Díaz Castro e de Cristina de la Torre, directora dos dous traballos audiovisuais.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios