O A Fondo deste semana pasa revista aos 25 anos de transformación en Allariz

O 1 de agosto de 1989 saltaba a faísca. O río Arnoia aparecía cuberto de troitas mortas. A indignación levou ás veciñas e aos veciños se fecharen no concello. A historia de Allariz estaba a piques de mudar.

Capa 340

Cúmprense 25 anos da coñecida como a Revolta de Allariz. Tras tres meses de peche no concello, tras seren detidos e metidos no carcere varios veciños, o alcalde popular naquel momento no Concello demitía xunto coa súa corporación. O nacionalismo entraba no goberno e alí ficaría ate o momento actual, con sucesivas maiorías absolutas. A verdadeira revolta, porén, non foron eses tres meses de peche e loita, que tamén, senón a transformación vivida con posterioridade, e que foi merecente de diversos premios e recoñecementos no eido internacional como o Premio Europeo de Urbanismo en 1994 pola recuperación do seu conxunto histórico artístico ou,  na esfera ambiental, a declaración por parte da UNESCO en 2005 como Reserva da Biosfera. Analizámolo no A Fondo que o semanario Sermos Galiza prepara para esta quinta feira.

"Allariz foi un dos sitios onde o nacionalismo empezou a demostrar que o seu era un proxecto político de goberno" (Anxo Quintana)

Diversos expertos e persoas vinculadas de maneira estreita sobre ese proceso de cambio baseados en valores como a participación, o respecto ao medio ambiente e a natureza, escriben sobre o mesmo. Tal é o caso do urbanista Daniel Pino, protagonista en primeira liña do proceso de planificación urbana; do xeógrafo Rubén Lois, que escribe sobre o potencial turístico da vila, baseado na sostibilidade; do secretario do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera; do historiador Xosé Carlos Sierra, ou do actual alcalde, que fai lembranza daquel verán de 1989.

O A Fondo desta semana inclúe tamén unha entrevista con Anxo Quintana, alcalde de Allariz dende 1989 até 2000. Quintana rememora o Allariz daquel verán de 1989 e analiza por que, nesta vila ourensá, e non noutras afectadas por similares problemas de caciquismo, a revolta foi posíbel. "Allariz foi un dos sitios onde o nacionalismo empezou a demostrar que o seu era un proxecto político de goberno", afirma, subliñando que a clave do éxito do nacionalismo naquel momento foi a práctica dunha política de proximidade, achegada á cidadanía, e baseada na participación.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios