martes 04/08/20
MARíA SABARíS, XORNALISTA

"O deseño xornalístico ten cada vez maior importancia, viuse coa crise do ébola"

María Sabarís Sardón é parte da columna vertebral da Comunidade Sermos. Xornalista e deseñadora, foi desde o primeiro número do semanario a maquetadora de Sermos Galiza

María Sabarís
María Sabarís

Co seu traballo fixo posíbel que cada semana, as persoas que len este xornal puidesen gozar dun produto, humilde, mais moi profesional, do punto de vista do deseño xornalístico. 

Após máis de dous anos, Sabarís enceta unha nova etapa profesional ligada á información deportiva, outro dos eidos nos que colaborou con Sermos Galiza através da súa columna de opinión sobre o xogo do Celta de Vigo. Conversamos con ela sobre o futuro do xornalismo, as tendencias no deseño e este proxecto que é, xa, a súa casa. 

Fas parte da redacción de Sermos Galiza desde que comezou o proxecto. Como viches a súa evolución nestes dous anos de vida?
Coido que ao comezo era todo descoñecido, custou xerar dinámicas de traballo e organización. Coa incorporación de Xosé Mexuto creouse unha dinámica máis xornalística e o proxecto, a día de hoxe, nótase que é máis completo e as informacións están máis achegadas á actualidade. Sermos Galiza é agora un medio de comunicación no que procurar informarse. Foi, desde logo, unha evolución ascendente e focada no xornalismo. 

Ademais de maquetadora es xornalista. Moitas veces coidan que a aposta no papel é un risco e que este soporte tende a desaparecer. Cal é a túa opinión?
Gosto moito do papel como soporte. É máis creativo e permite facer cousas que o dixital non. O papel permite, por exemplo, reportaxes amplas, podes levalo contigo... non creo que desapareza, mais si que mudará, como é o caso dos diarios. Coido que co tempo se consolidarán outras publicacións como os semanarios, mais non que deixe de publicarse en papel pois quen gosta de ler sempre prefire facelo en papal. Este soporte, na miña opinión, non está chamado a desaparecer pola chegada do xornalismo dixital, senón que ambos os dous soportes poden convivir. Son dous formatos diferentes para obxectivos distintos. 

"Hai moitas mulleres que saben de deportes, é natural ou debera ser, que opinen sobre fútbol"

Sempre coa ollada posta no deseño, cales cres que son as novas tendencias neste senso?
O deseño xornalístico ten cada vez maior importancia. Viuse por exemplo coa crise do ébola, un tema moi difícil de explicar mais que se apoiou de maneira notábel nas infografías e gráficos. Cara á aí e a onde vai o deseño. Aínda así, este non é un espazo estático e depende moito das culturas e dos países. Doutra banda, e aínda que semellar un paradoxo, os xornais tenden cada vez máis cara ao aumento do texto. Antes había moitos máis brancos nas páxinas. Embora eu non gostar moito disto. 

As túas achegas informáronnos cada xornada sobre os partidos do Celta de Vigo. Unha muller opinando sobre fútbol, rachando tópicos machistas?
Agardo que si. [Sorrí]. Coido que o fútbol tende a ser cada vez menos machista aínda que quedan moitos que cren que as mulleres non sabemos de fútbol e que imos aos partidos a ver pernas lindas. Porén, hai moitas mulleres que saben de deportes e, ademais, vivimos nunha sociedade na que é --ou debera ser-- natural que as mulleres opinemos sobre el. 

A túa carreira profesional avanza nese plano, vas para Londres a traballar no mundo deportivo, como encaras esta nova etapa profesional?
Sinto unha mestura de ilusión e nervos, mais é unha oportunidade importante. É algo que nunca fixen pois o fútbol foi sempre máis unha afición. Iso si, gosto moito do xornalismo deportivo e esta é unha experiencia nova. 

"Malia ser un medio moi pequeno e con recursos moi limitados, Sermos Galiza é moi profesional"

Aínda así non marchas de todo e seguirás colaborando con nós... que é Sermos Galiza para María Sabarís?
Esta é unha resposta moi emotiva. Sermos Galiza é para min varias cousas. Dunha banda, foi unha oportunidade para seguir exercendo a miña profesión cando volvín vivir a Galiza, e deume a oportunidade de facer deseño xornalístico. Volvín sentirme profesional, nunha redacción rodeada de xente que exerce xornalismo. Traballar hoxe nun medio de comunicación é moi difícil e en Sermos Galiza confiaron en min case a cegas. Iso foi moi importante. Logo está o factor humano e, nese senso, a equipa humana é excepcional. Quero que o poñas así porque non o digo por dicir. Hai un bo ambiente de traballo e cando te vas dun sitio, o que queda é a xente. Nese senso, en Sermos Galiza o que hai é xente moi comprometida cun proxecto e ademais dunha maneira moi honesta. O que me levo é moito agradecemento pois, malia a ser un medio moi pequeno e con recursos moi limitados, é moi profesional. E iso viuse, por exemplo na aposta no deseño xornalístico. Apóstase por un produto de calidade pensando moito no leitor. 

comentarios