"Se les calquera libro de historia Galiza semella que non ten"

Este domingo Sermos estrea 'A Torre de Trezenzonio', unha viaxe pola historia da Galiza. "Unha serie de artigos sobre aqueles momentos históricos que non se tratan ou de o faceren, sempre son enmarcados na historia de España", explican. 

Henrique Egea e Alberto Lago
photo_camera Henrique Egea e Alberto Lago [Imaxe cedida]

Alberte Lago e Henrique Egea inauguran este domingo en Sermos Galiza unha serie de artigos sobre a historia de Galiza. Baixo o título de 'A Torre de Trezenzonio' repasarán algúns dos momentos históricos menos coñecidos da nosa nación. Fitos chave para o pobo galego que, no entanto, afirman, fican "ocultos", "esquecidos" e mesmo foron "terxiversados" no marco dun proceso político que visou "desnaturalizarnos". 

Desde a época atlántica e as relacións comerciais con outras nacións europeas até a Idade Media, Lago e Egea daránnos a coñecer o noso propio pasado. 

En que consistirá a vosa serie de artigos?

Alberte: A nosa idea era facer unha serie de artigos sobre aqueles momentos históricos que non se tratan ou de o faceren, sempre son enmarcados na historia de España. 

Cal será a súa periodicidade?

Alberte. Sairá o último domingo de cada mes. Iremos por quendas pois cada un ten o seu propio estilo. Neste primeiro artigo, para alén dalgunha xeralidade, tentaremos tratar algunha data sinalada do almanaque. Porén, non quero avanzar moito máis [ri]. 
Henrique. Titularase a Torre de Trezenzonio, un nome baseado nunha curiosa historia acontecida na Galiza durante a época atlántica. 

Cales son algúns deses momentos ocultos?

A. Canto máis atrás, máis ocultación. 
H. Eu traballo a Idade Media, séculos X - XII. 
A. Tamén historia antiga, tardo-romana. 

É o Reino de Galiza un deles?

A. Lembro un libro de [Claudio] Sánchez Albornoz onde se traducía 'rex galletiae' como astur-leonesa. Se les calquera libro de historia Galiza semella que non ten. Ninguén sabe da importancia que tivo para os ingleses...
H. Ou das rutas atlánticas, do comercio... Iso está oculto, silenciado. 
A. Mesmo non se tratan as relacións co Reino de Portugal ou cando se fai é enmarcado na historia de España. 

"Que o pobo galego descoñeza boa parte da súa historia pretende desnaturalizarnos, facernos crer que non existimos"

Como valorades o feito de que o pobo galego descoñeza boa parte da súa propia historia?

H. É parte da colonización. Desnaturalizarnos de nós propios. Facernos crer que non existimos...
A. [Tratarnos] como un pobo que non ten historia, que non ten carácter. 
H. Coma se fosemos un pobo pacífico onde non houbo guerras, coma se nunca fixesemos nada máis que inventar o matraquiño. Esa ocultación é un obxectivo claro da imposición dun determinado modelo ideolóxico. 
A. E iso crea unha perspectiva falsa, desvirtuada. 

No seu libro, A invención do pasado, Miguel Anxo Murado apunta cara á unha construción da historia española baseada mesmo en relatos falseados... 

A. Non lin o libro de Murado mais coido que, ás veces, valora demasiado a compoñente científica. 
H. Murado mete o dedo na chaga. Porén, hai que observalo desde unha perspectiva ideolóxica. Todo o que contamos da historia é desde unha perspectiva actual e el di que se contou mal. Algo semellante tentamos facer nós. 

"O mito español do Cid, por exemplo, é unha grande terxiversación, mais servíu para construír un discurso político"

En troca, Anselmo López Carreira outórgalle tamén valor histórico aos mitos e lendas, embora non poder confirmarse nalgunhas ocasións a veracidade dos feitos...

H. Os intelectuais crean os mitos dun pobo. E iso é moi importante. O mito español do Cid, por exemplo, é unha grande terxiversación, mais serviu para construír un discurso político, ideolóxico. Nós, pola contra, carecemos deles ou foron terxiversados. A percepción dos relatos tradicionais, das lendas e mitos --que non son científicos-- sempre se desprestixian. Mais son, en certo modo, historia embora non estaren documentados. 
A. O noso sempre é mito, fantasía, e o dos outros historia. Noutras partes do mundo hai departamentos de estudos celtas, poréna nós rexeitáronnos un artigo sobre o tema argüíndo que non era histórico senón filolóxico. 

Canto durará a serie?

[Rin] 
H. Mentres deus nos dea saúde e teñamos algo que contar. 
A. Polo de agora non temos perspectiva diso. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios