Estudantes da USC, sen aulas máis dun mes por non se cubriren baixas docentes

Alumnado de Pedagoxía e Educación social da USC denuncia a perda de docencia en dúas materias. Desde a universidade "pasan a bóla duns a outros", apuntan.   

Maxisterio
photo_camera [Imaxe USC]

Desde o 27 de xaneiro o alumnado de primeiro curso de Educación social e Pedagoxía da Universidade de Santiago non está a recibir aulas de dúas materias. A profesora e profesor titulares das asignaturas de Teoría da Educación e Economía da Educación están de baixa laboral porén, non foron substituíd@s e o estudantado fica desde hai máis dun mes sen docencia. 

A situación atinxe máis estudantes doutros cursos a quen tamén imparten aulas José Manuel Touriñán e Silvana Longueira. "É imposíbel seguir así", sinala Aida Lorenzo, alumna do primeiro curso de Grao en Educación Social e tamén delegada. 

Desde hai dúas semanas o estudantado encetou unha rolda de xuntanzas para exixir que sexan substituíd@s @s docentes dunhas materias "que pagamos e das que imos ser avaliados", afirma Lorenzo en conversa con Sermos Galiza. Mais de momento non obtiveron resposta. "Pasan a bóla duns a outros", explica.

"A responsabilidade é da Xunta"

"Tentamos ir chanzo por chanzo, primeiro falando cos docentes e logo co xefe de departamento" quen "tería que reorganizar" a área de traballo para garantir que se manteñan as horas de docencia mentres non se resolven as baixas. "Non nos deron resposta", continúa Aida Lorenzo, polo que decidiron acudir ao decanato quen após reunirse con representantes do estudantado combinou unha xuntanza co propio reitor da USC, Juan Viaño. "Foi moi correcto" mais non lles resolveu nada. "Din que é responsabilidade da Xunta". 

"Non pedimos nada extra, só que se garanta o noso dereito a ter docencia"

O estudantado botou man do correo e fixeron chegar senllas cartas explicando a súa situación á Consellaría de Educación, a de Facenda, o Valedor do Pobo e da Comunidade Universitaria. 

"Non pedimos nada extra, só que se garanta o noso dereito a ter docencia", asegura Aida Lorenzo quen non dubida en sinalar que a situación do estudantado de Pegadoxía e Educación social é froito dos "recortes" no ensino público. Aliás, acrecenta, "non se fai notar de igual maneira nunhas facultades e noutras". Lorenzo afirma que a "rama social e educativa" está a ser obxecto dunha maior precarización. Neste senso, lembra, "todo médico ou matemático ten que ter unha educación". 

Desde o alumnado advirten que "continuarán as mobilizacións" de non se dar solución ao problema. Polo de agora recompilaron máis de 200 sinaturas entre o estudantado atinxido pola falta de aulas mais din que ampliarán a campaña "a toda a universidade". "É bon unir forzas", apunta. 

Comentarios