Comeza o Redondela en curto

O Festival de Curtametraxes de Redondela chega á oitava edición cunha participación histórica.

Desayuno con diadema, con Carlos Blanco como protagonista, abre hoxe o VIII Festival de Curtametraxes de Redondela a partir das 21 horas. Nesta edición presentáronse 545 curtametraxes superando a media de 280-320 doutros anos. Segundo Cuchi Carreira, director do festival, unha das razóns deste incremento foi a facilidade de presentación dos traballos a través da rede. O nivel segundo a propia organización é “moi alto” nas 16 seleccionadas. Este ano, cun orzamento menor, non facilitou o convite de participantes finalistas mais a previsión é que haxa  presenza galega no Multiusos da Xunqueira.
Unha das novidades dentro do festival será a estrea o sábado ás 22 horas do documental galego 23 de Helena Villares. Esta longametraxe de 50 minutos conta como viviron 23 homes e mulleres da Galiza a data do 23 de febreiro de 1981, sabendo que formaban parte de listas negras. Contan, tamén, como é a súa vida 26 anos despois.

As curtametraxes a concurso
A maior parte das curtametraxes a concurso son de Euskal Herria, Madrid e Catalunya. As proxeccións comezan hoxe ás 21:00 horas e o sábado 28 ás 22:00 horas coas curtas Desayuno con diadema de Óscar Bernàcer, Voice Over de Martín Rosete, La huída de Victor Carrey e Morir cada día de Aitor Echeverría
Mañá, sexta feira ás 18:00 horas, e o sábado ás 18:00 horas as curtas finalistas serán El barco pirata de Fernando Trullols, Lo estipulado de Francisco González Prada e Javier González Prada, Ahora no puedo de Roser Aguilar e Matar a un niño de César Esteban Alenda e José Esteban Alenda.
Tamén, mañá ás 20:00 horas e o domingo ás 18:00 horas veremos Vanuatu o la felicidad de Rafa Piqueras, Memory de Gorka León, Entrevista de Angela Armero e La casa del lago de Galder Gaztelu-Urrutia.
As catro últimas curtametraxes que acolle o festival son: Algo Queda de Ana Lorenza Fonfría, El punto rojo de Darío José Ferrer e Carlos Sánchez Arévalo, a galega El club del bromista de Luís Usón e La pecera de Carlos Bouvier. Estarán no auditorio da Xunqueira esta sexta feira ás 22:00 horas e o domingo 29 de abril ás 20:00 horas.
A gala de entrega de premios será o domingo 29 ás 21:00 horas no Auditorio Multiusos da Xunqueira.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios