Chegou o día, chegou a romaría! O Pichel fai dez anos de traballo sen pedir permiso

O centro social ficado no casco vello de Compostela está de aniversario e vai celebralo como corresponde ao seu ADN: con cinco días de troula, de maxia, de música, de teatro e experiencias partilladas. Porque unha década... dá para moito! 

gentalha-aniversario-cartaz
photo_camera [Cartaz do aniversario]


Encher o baleiro que había no tecido asociativo da cidade e comezar a traballar en prol da lingua, da cultura e do patrimonio da Galiza sen pediren permiso nin agardaren axuda de ninguén. Con esta idea naceu, en 2004, o centro social compostelán A Gentalha do Pichel. 

Foi durante unha conversa nunha taberna mais, como explica a activista Maca Igrejas, integrante do Conselho Geral da Gentalha, "detras dessas persoas havia umha experiência de militancia ou activismo noutros colectivos" que as levou a constatar a necesidade dunha experiencia autoxestionada que emendara o desleixo das administracións públicas.

Con todo, foi unha administración, nomeadamente o Concello de Compostela cando estaba gobernado por Gerardo Conde Roa, quen, cando pretendía xustamente o contrario, deu a coñecer a actividade da Gentalha e fixo medrar a rede que xa estaba tecida ao redor d@s picheleir@s. "A obsessom que tinha com nós fijo-nos tomar consciencia da trascendencia que tinhamos", recoñece Igrejas.

Tal obsesión levou Conde Roa a acusar o centro social de promover a contra-manifestación do 8 de febreiro de 2009 para facer fronte a un protesto do grupo Galicia Bilingüe contra a lingua galega no ensino. O ex rexedor, que tivo que abandonar o cargo após ser imputado por defraudar a Facenda e na operación Pokemon, denunciou o local por non posuír un elevador que unira as dúas alturas do local. "Naquela altura a nossa licença estava ainda ser tramitada, o que significava que umha denúncia como a que ele interpugera implicaria a clausura imediata", sinala Maca Igrejas. 

10.000 euros para calar a boca do Conde Roa

Así que o centro social puxo en marcha unha campaña de recadación de fondos para poder colocar o elevador. O lema da campaña: 10.000 euros para calar a boca do Conde Roa. Tres días abondaron para xuntar o diñeiro. Esa vaga solidaria foi unha das maiores alegrías que Igrejas recorda destes dez anos. A outra, a repercusión que tivo a historia dun carboeiro que nas festas de inverno baixaba a montaña do Courel para apalpar o bandullo das crianzas e comprobar que estaban ben atendidas. 

"Quando começamos a trabalhar no estudo e recuperaçom do Apalpador nom imaginamos que puidessemos atingir tal difussom nem que fosse ser popularizado tam rápido", recoñece a activista da Gentalha. Unha modesta asociación que non recibe ningún tipo de axuda pública conseguiu mudar as tradicións natalicias para introducir nelas a fermosa historia do carboeiro. 

Dez anos de traballo polo patrimonio e pola lingua... malia a Conde Roa

A historia deste centro social foise contruíndo ao mesmo tempo que o ex rexedor compostelán tencionaba botarlle o fecho. Após o ataque do elevador, o conservador embargou as contas do centro social e despois quixo levalo aos tribunais. Todo isto por penduraren unha faixa en que se podía ler Na Galiza só en galego e por excederen do horario permitido coas fogueiras do San Xoán de 2010. Malia levar ao límite unha hostilidade que nunca pretendeu disimular, Conde Roa perdeu tamén esta afrenta. 

A Gentalha do Pichel funciona a través de comisións. Unha delas, a de lingua, está a preparar unha 'polvada' reivindicativa en contra da idea do Concello do Carballiño de pedir que o termo español 'pulpo' pase a formar parte do vocabulario do noso idioma. Será o vindeiro 8 de febreiro.

Outra desas comisións, a de memoria histórica, traballou a reo pola recuperación dos petroglifos da comarca de Compostela. "Foi curioso ver como a Xunta da Galiza, que nom mostrou o mais mínimo interesse na valorizaçom deste patrimonio artístico, promoveu na Cidade da Cultura umha exposiçom de custo milionário como foi Gallaecia pétrea", quéixase Maca Igrejas, quen recalca que este é só un exemplo de como "a cultura que nós queremos e defendemos tem mui pouco a ver com a cultura oficial que as administraçons costumam promover". 

Durante cinco días espallados polo mes de febreiro, O Pichel celebrará o seu aniversario. Ao soprar as dez candeas, Igrejas e o resto de soci@s terán na cabeza un desexo: o do relevo xeneracional. Que detrás das persoas que imaxinaron e fixeron posíbel un espazo autoxerido e libre veñan outras que o manteñan vivo, polo menos, outros dez anos máis: "o certo é que há dez anos também parecia dificil económicamente soster um local como o Pichel ou formar umha escolinha como a Semente e finalmente a vontade puido mais que os recursos económicos".

Máis en Ao vivo
Comentarios