Festicultores Troupe: ‘’No Festigal imos montar unha festa das boas’’

Son un dos pratos fortes deste Festigal, os Festicultores Troupe, un combo impredecíbel cun dos directos máis enérxicos, potentes e festeiros do país. “O que nos motiva: pasalo ben nós e que o pase mellor o público”.

festicultores

A noite do 24 a xullo prevese treboada (musical) con epicentro no Campus Sur de Compostela, zona de celebración do Festigal, festival onde esa noite actuarán os Festicultores Troupe. Non estarán sós: no cartaz, Nao, Sés e A Quenlla. Mais Festicultores teñen moi claro que queren dar á súa actuación unha desas actuacións que deixen pegada durante días (en forma de maniotas) entre o público. Vai haber festa, e da boa, advirten. Falamos con Emilio Oro, voz e teclista deste combo.

-Que vai atopar o público do Festigal cando Festicultores tomen o escenario?

-Pois esperamos que alí se monte un espectáculo dos bos, directo, enérxico, no que a xente o pase en grande. Nas nosas actuacións gostamos de que o público teña un protagonismo moi directo, que se implique, e aí tamén nos imos centrar.

-Que o pase ben a xente e tamén pasalo ben vós...

Para poder chegar á xente, para que ela o pase ben e goce, ti tamén tes que gozar, dalo todo. O que máis nos motiva precisamente é iso: pasalo ben nós e que o público o pase aínda mellor.

-A vosa palabra de orde é a de ‘cultivadores de festas’, aí xa se resume ben o sentido e obxectivo do grupo...

-Pois si, é a nosa esencia, levar a festa alí por onde tocamos, sexan festivais ou a pé de rúa. Gostamos especialmente cando a festa leva a unha tolería colectiva.

-Ides cumprir unha década de existencia..

-Levamos xa nove anos e a verdade non nos podemos queixar. Tivemos unha moi boa acollida por toda a Galiza, moi bos momentos nos escenarios, na rúa... Tivemos a posibilidade de tocar con Manu Chao, Emir Kusturica, Gogol Boredello... e tantos outros! Foron nove anos intensos, de moitas experiencias e de moita festa. E temos gasolina para outros nove anos máis.

-Mais en todo este tempo só gravastes un disco, sodes de directo e deixades o estudo un pouco á marxe?

-Bon, si, somos un grupo de directo, iso é claro, un conxunto de actuar, de tocar. Prantexámonos como sorprender en cada actuación. Temos pensado gravar novos temas para o ano, no 2015.

-Algúns de vós estades moi ligados ao Reperkusión, que xa se consolidou como todo un festival..

-No Reperkusión é, en certa maneira, onde despregamos todo o que é a ‘festicultura’. Aí é onde envorcamos todo o que nos motiva e gusta, o que entendemos que pode sorprender a xente. Pódese dicir que é un festival de referencia no sentido de que hai outros festivais que se fixan no Reperkusión, que se nutren de grupos que tocan aquí; ou ben en que a raíz de que determinados grupos actúan nel empezas a ver que a súa música se pon nos bares, locais... Gostamos de dicir que en Reperkusión se sementa e que despois florece en moitos outros lados.

Máis en Ao vivo
Comentarios