As artes escénicas denuncian unha situación agónica

A falta de apoio e o cuestionamento das asociacións representativas por parte da Consellaría de Educación e Cultura están a provocar unha encendida protesta do sector do espectáculo. A Plataforma das Artes Escénicas denuncia unha situación agónica. 

A supresión do programa Camiños de Cultura, antes coñecido como Circuítos Culturais, pode ser definitiva na desfeita dun sector que se manifesta en situación de extrema crise. Música, danza, teatro de rúa, maxia, circo ou títeres ven así desaparecer unha programación que supuña arredor de 600 actuacións en todo o país e que deixa tamén sen alternativa a moitos concellos que se verán na imposibilidade de manter unha oferta cultural.

Supón, deste modo, a práctica desaparición da cultura galega na programación do verán, segundo denunciaron membros da Plataforma das Artes Escénicas. O desencontro cos responsábeis de Cultura da Xunta de Galiza increméntase aínda despois da última xuntanza con Anxo Lorenzo, Juan Carlos Fasero e Manuel Guede, as tres máximas autoridades en materia de artes escénicas da administración pública galega. Segundo denunciaron, os responsábeis da Consellaría terían posto en cuestionamento a representatividade das asociacións dos distintos sectores das artes escénicas, un feito que, ao seu ver, non se corresponde coa realidade na que a práctica totalidade dos axentes se encontran rexistrados nas asociación profesionais. Botan por terra, desta forma, calquera diálogo cos sectores.
As asociacións agrupadas na Plataforma das Artes Escénicas alertaron para a gravidade da situación nos distintos sectores, moi en especial, o de actores e actrices que, segundo a entidade representante, estarán a padecer un índice de desemprego dun 80%.

A Plataforma cuestionou que, fronte á “programación elitista” da Cidade da Cultura eliminan a programación de artes escénicas para o público galego, observación que supuxo, segundo dixeron, gargalladas de Anxo Lorenzo e mais o comentario de que xa agardaba esa observación.

Máis en Ao vivo
Comentarios