A música e o patrimonio comparten 'Espazos sonoros'

A reitoral de Gundivós abre o calendario de concertos que do 8 de setembro ao 18 de outubro presentarán propostas de música antiga e contemporánea en lugares de interese patrimonial.
Grupo de música antiga 1500
photo_camera Grupo de música antiga 1500

Despois de cinco anos de experiencia o ciclo 'Espazos sonoros' consolídase como unha das actividades máis atraentes para as persoas amantes da música en pequeno formato e que queiran coñecer en profundidade o patrimonio cultural do país. Grupos reducidos previa reserva, auditorios fóra do circuíto musical e propostas musicais cun abano amplo que vai desde a música antiga ás vangardas, son a súa carta de presentación. 

Na edición deste ano hai estilos e interpretes que buscan sorprender. O primeiro concerto presenta a Sara Ruiz coa viola de gamba como protagonista. A súa audición, na reitoral de Gundivós (8 de setembro, 20 horas) levaranos á Inglaterra de 1620 e a unha experiencia viaxeira realizada polo músico francés André Maugars. A seguinte proposta é a de Iván Abal e Marisol Mendive e a demostración de que a zanfona e o órgano poden compartir sons desta vez na Igrexa de Santo María de Campo en Ribadeo (15 de setembro, 20:45 horas). Seldom sene, nome dunha das fantasías sobre a melodía de canto plano In Nomine do compositor inglés Christopher Tye, é a formación de músicos de varias nacionalidades que estará na Igrexa de Santa María de Cambre (16 de setembro, 19 horas) cun repertorio que demostrará as posibilidades da frauta de pico como instrumento. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro vai ser o lugar onde a contadora Charo Pita e o percusionista Javier Fernández (22 de setembro, 20:30 horas) mostren ao público a importancia da palabra e a música para explicar, con historias, a orixe e a evolución do mundo.

Grupos reducidos previa reserva, auditorios fóra do circuíto musical e propostas musicais diferentes son a súa carta de presentación

O último concerto de 'Espazos sonoros' en setembro aposta polas novas experiencias contemporáneas que traballan música e audiovisual. Ulobit, do galego U-lo e bit, propoñen a improvisación a través da revisión do proxecto Vikingland de Xurxo Chirro (Museo Massó, Bueu, 20 horas). Xurdidos dun proxecto de antropoloxía musical, os tres compoñentes desta formación, a electrónica e o vídeo ao son característico da zanfona.

En outubro continúan as propostas de 'Espazos sonoros' coa actuación en solitario de Germán Díaz que presentará no Liceo de Ourense (5 de outubro, 20 horas) o seu Método cardiofónico. A proposta baséase nos ritmos do latexar do corazón que o doutor Iriarte gravou nos anos corenta e que editou en vinilo co mesmo nome. Unha das sorpresas desta edición é a audición en exclusiva das partituras que se interpretaran na Casa Grande de Vilancosta (13 de outubro, 19:30) e que foron recuperadas por Isabel Rei Samartim e José Luís do Pico Orjais. Co título de Valadarestiada , melodías galegas e doutros países voltarán ao lugar onde se realizaban as reunións sociais da familia Valadares no século XIX. A música antigua de importantes autores ibéricos dos séculos XV e XVI protagonizará a penúltima actuación desta proposta co grupo 1500 que actuará xunto ao músico Marco Ambrosini na Igrexa de Santa María a Nova, Noia (18 de outubro, 20:30 horas). O ciclo remata co concerto do arpista Andrew Lawrence-King na Igrexa de San Pedro (antigo convento de San Francisco en Lugo (11 de outubro, 20:30 horas) e un repertorio que aporta unha nova visión da música de danza francesa a cabalo entre os séculos XVII e XVIII.

 

Roldas pola paisaxe e obradoiros
'Espazos sonoros' aproveita as actuacións musicais e propón ao público a realización de visitas ao patrimonio musical e cultural. Así na actividade aproveitarase para coñecer a Casa do Mar en Ribadeo, os órganos das igrexas de Valdeflores e San Pedro en San Francisco, a catedral de
Mondoñedo e San Salvador de Lourenzá. Na actividade do 22 de setembro visitarase o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro e na do 16 de setembro o contorno de Santa María de Cambre.
Como complemento na programación poderemos coñecer máis sobre o nyckelharpista Marco Ambrosini, membro fundador do grupo Oni Wytars (17 de outubro, 20 horas, cafetaría do CGAC) e participar nun obradoiro de música antiga impartido por Fernando Abreu, José Ignacio Castro e Abraham Cupeiro (6 de outubro, antiga corte dos cabalos de San Martiño Pinario en Compostela, 19:00 horas).

Máis en Ao vivo
Comentarios