'Ponte... nas ondas' celebra a X Mostra da Oralidade Galego-portuguesa en Vigo

O 25 de maio narradores e narradoras profesionais reuniranse no Museo do Verbum para  sensibilizar a mocidade da importancia do relato oral.
Ponte nas ondas

O proxecto “Ponte... nas ondas” organiza o 25 de maio no Museo do Verbum de Vigo a X Mostra da Oralidade Galego-portuguesa. Co nome de “Ponte... a contar!”, o proxecto radiofónico conta con narradores e narradoras profesionais como Avelino González, Celso Sanmartín, Clara Haddad ou Lisete Coelho, persoas que se dedican profesionalmente a contar e transmitir a palabra oral, para transmitir ao alumnado o gusto e as habilidades da narración oral.

Intervirán tres especialistas no relato oral de Galiza

Trátase dunha actividade destinada, na parte matinal, ao alumnado de escolas galegas e portuguesas na que xa confirmaron a súa presenza estudantes de  Marrocos, China, Polonia, Brasil, China, Etiopía, Romanía, Cabo Verde, Mozambique, Arxentina e Uruguai. A sesión de apertura terá lugar ás 10:30 horas e realizaranse varios obradoiros. Na sesión da tarde aberta ao público, a partir das 19 horas, intervirán tres especialistas no relato oral da Galiza, Portugal e Brasil: Antonio Reigosa, Alexandre Parafita e Simone Mendes. Ademais, contarán relatos e experiencias Avelino González e Clara Haddad, a brasileira que creou a primeira escola itinerante de narración oral.

Máis en Ao vivo
Comentarios