Santiago de Compostela torna na capital do ciclismo internacional

Un total de 51 federacións nacionais e arredor de 200 asistentes danse cita desde esta sexta feira en Santiago de Compostela, convertida durante tres días na capital do ciclismo mundial.  A Unión Ciclista Internacional (UCI) desenvolverá este sábado unha sesión de traballo nun hotel da capital galega, e o domingo será a quenda do XXXVI Congreso da Unión Europea de Ciclismo (UEC), que terá como escenario a Cidade da Cultura. Durante esta fin de semana está previsto que aborden temas de gran relevancia, como o programa de ciclismo nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, o calendario de campionatos continentais ou a oferta da Galiza para o turismo en bicicleta, presentando 52 roteiros cicloturistas distintos. Co equipo Vigo-Rías Baixas como anfitrión, o acto inaugural do programa tivo lugar no día na sexta feira, cando, no marco da campaña UEC Forest, plantaron unha árbore para simbolizar "o compromiso do deporte do ciclismo co medio ambiente". Con respecto ao horario, desde as 9 horas do sábado terá lugar a UCI Sharing Platform, ficando para o domingo o acto central, o antedito congreso da UEC. Enrico Della Casa, presidente desta entidade; José Luis López Cerrón, responsábel da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC); e David Lappartient, o seu homólogo na UCI, serán os encargados de dar a benvida aos e as asistentes cos seus discursos. 
Ademais das accións relacionadas coa xestión do organismo continental, a axenda deste conclave reflicte a entrega de premios polos resultados obtidos en 2023 na clasificación de países e no medalleiro dos máis recentes Campionatos de Europa de todas as modalidades.
O acto reunirá en Compostela á elite dirixente do ciclismo internacional. (Foto: Vigo-Rías BaixaS).
photo_camera O acto reunirá en Compostela á elite dirixente do ciclismo internacional. (Foto: Vigo-Rías BaixaS).
Comentarios