O PP pide agora para poder xestionar o litoral os medios que vetou en xuño

Os populares rexeitaran na Cámara a proposición pedindo ese traspaso
Alberto Pazos Couñago, esta sexta feira, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alberto Pazos Couñago, esta sexta feira, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O PP pedirá formalmente no Parlamento da Galiza que o Goberno do Estado español, unha vez que o Tribunal Constitucional (TC) recoñeceu que a comunidade ten as competencias en materia do litoral, traspase os medios materiais e persoais necesarios para xestionar a súa costa.

Así o anunciou esta sexta feira o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, que volveu cargar contra o BNG e o PSdeG, aos que instou a pedir "perdón" ao Goberno galego polas súas críticas á Lei do Litoral.

Esta petición de traspaso de medios e persoal que fai agora o Partido Popular contrasta co veto que en xuño do ano pasado exerceu na Cámara galega a maioría do PP sobre unha proposición de lei presentada polo BNG con esa mesma demanda. Os populares cualificaran daquela a iniciativa  presentada polo nacionalismo como "inxusta, innecesaria e ilegal".

Pouco despois deste veto, 4 de xullo, a Cámara galega aprobaba cos votos en solitario do PP a Lei do litoral da Galiza. Naquel debate, Alexandra Fernández (BNG) denunciara que o PP "non quixo facer unha lei efectiva". Os medios e servizos para poder exercer a competencia sobre litoral, explicaba a nacionalista, están en mans do Estado e sen a súa transferencia a nova norma está "baleira". Fernández lembrou que tres semanas antes unha proposición do BNG pedindo o traspaso desas ferramentas necesarias para desenvolver a competencia do litoral foi vetada polo PP. "Non tiñan vontade dunha verdadeira lei para o litoral", manifestou.

O PP posicionarase contra a necesidade dese traspaso de medios e persoal. Agora, dez meses despois daquilo, ese mesmo PP pedirá na Cámara esas transferencias.

Comentarios