A OTAN celebra os seus 75 anos apostando por escalar a guerra no leste de Europa

En 1949 constituíase na capital dos Estados Unidos de América a OTAN. Esta terza feira, 75 anos despois, os Estados integrantes da alianza volveron reunirse en Washington coa guerra contra Rusia no leste de Europa no centro da axenda e nun contexto de incerteza polo proceso electoral estadounidense de novembro.

EuropaPress_6080053_09_july_2024_us_washington_boris_pistorius_3rd_germanys_defence_minister
photo_camera Os ministros de Defensa alemán e finés, Pistorius e Hakkinen, asinando un acordo sobre minas navais no Báltico no marco do cumio da OTAN. (Foto: Europa Press).

O cumio anual da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) arrancou na terza feira na capital dos Estados Unidos. O encontro, que se alongará até mañá, 11 de xuño, significa a despedida como máximo responsábel da alianza do noruegués Jens Stoltenberg, que tras 10 anos como secretario xeral da entidade deixa o posto ao antigo primeiro ministro de Países Baixos Mark Rutte, un político liberal de marcada vocación atlantista que se declara admirador, por esta orde, de Margaret Thatcher, Winston Churchill, Ronald Reagan e Bill Clinton.

Stoltenberg aproveitou a inauguración do cumio para centrar os temas principais de debate do mesmo. Neste sentido, asegurou que “no cumio tomaremos decisións para reforzar aínda máis o noso apoio a Ucraína. Rusia debe entender que non pode esperarnos. Teñen que sentar e aceptar unha solución na que Ucraína prevaleza como nación soberana e independente”. Ao tempo, indicou, que o conflito “non é rexional, senón mundial", e “iso demóstrase claramente na guerra de Ucraína, onde Irán, Corea do Norte e China están a apoiar e permitindo a guerra ilegal de agresión de Rusia contra Ucraína”.

Un dos puntos chave do encontro é a aprobación de novas liñas de axuda a Ucraína. Neste punto, a OTAN prepara un paquete de asistencia militar a Ucraína por un valor de 40.000 millóns de euros, contía que os responsábeis da alianza consideran equivalente ao achegado pola entidade nos anos 2022 e 2023. A este respecto, a achega de fondos realizarase atendendo ao Produto Interior Bruto (PIB) de cada un dos 33 Estados membros, correspondéndolle ao Estado español unha contribución de 1.000 millóns de euros. Na mesma liña, o cumio definirá novas accións de apoio dirixidas a dotar de máis material militar o Executivo de Volodímir Zelenski.

O director para Europa do Consello de Seguridade Nacional do Goberno estadounidense, Michael Carpenter, avanzou nunha rolda de prensa desenvolvida no marco do encontro que "no cumio, os aliados anunciarán novas e enérxicas medidas de apoio a Ucraína. Os aliados crearán un novo mando militar da OTAN en Alemaña, que aproveitará os puntos fortes institucionais da OTAN para coordinar o adestramento e o equipamento e axudar a Ucraína a desenvolver a súa futura forza". Así, o novo comando da OTAN para prestar asistencia técnica aos militares ucraínos súmase aos xa existentes noutros Estados europeos.

Aumento do gasto militar

O cumio servirá para aprobar novas medidas para incrementar o gasto militar  dos Estados membros da OTAN. Após aumentar no seu conxunto o investimento en defensa en 11% ao longo de 2023, os responsábeis da alianza acordarán que en 2025 todos os Estados membros destinen a defensa máis de 2% do seu PIB. Neste momento, 11 dos integrantes da organización xa superan esta contía, con Polonia, Estonia, Estados Unidos, Letonia e Grecia cun gasto militar por encima de 3% do PIB. Precisamente, Estados Unidos é a nación do mundo que máis fondos dedica a armamento, con 887.000 millóns de dólares, seguido da China, con 229.000 millóns de euros.

O Estado español non escapa a esta alza do gasto militar. Así, en 2023 incrementou o seu investimento en defensa en 18%, achegándose a perto de 1,5% do PIB. Neste sentido, na terza feira mesmo coñeceuse que desde o comezo da ofensiva do Goberno de Netanyahu contra Gaza o 7 de novembro de 2023, o Executivo de Pedro Sánchez asinou contratos de 1.027 millóns de euros con empresas militares israelís e ás súas filiais españolas.

A ampliación do ámbito de actuación da OTAN a África e Asia é outro dos aspectos chave do encontro de Washington. Malia que no primeiro dos continentes está presente desde a invasión de Libia en marzo de 2011, a súa presenza é moi inferior á acreditada no espazo europeo. Neste sentido, algúns mandatarios, como o español, Pedro Sánchez, reclamarán aumentar o continxente militar da alianza no Magreb e no Sahel, onde os movementos nacional-populares dos últimos anos teñen expulsado as tropas francesas e estadounidenses. Na mesma liña, os responsábeis da entidade apostan por enviar militares a Asia, no marco da confrontación coa China.         

A maioría das e dos dirixentes dos Estados da OTAN presentes no seu cumio anual non agochan a preocupación e o temor diante dun cambio na Presidencia estadounidense tras as eleccións do vindeiro mes de novembro. Malia que os mandatarios dos Estados da alianza evitan pronunciarse en público sobre o escenario aberto no caso dunha vitoria de Donald Trump, teñen presentes que o candidato republicano manifestou en repetidas ocasións, entre elas no debate con Joe Biden do pasado 28 de xuño, a súa intención de pór remate á guerra en Ucraína e de proceder a buscar co presidente ruso, Vladimir Putin, unha saída negociada ao conflito.

O factor Trump

As posicións críticas de Trump coa orientación da OTAN marcada pola corrente globalista, agrupada politicamente en Estados Unidos ao redor do Partido Demócrata, son coñecidas. Neste punto, a semana pasada, a prestixiosa revista estadounidense Política aseguraba, citando o grupo de expertos en seguridade do aspirante republicano, que a intención deste era paralizar a extensión da alianza no leste de Europa, comprometéndose a vetar, explicitamente, a integración de Xeorxia e Ucraína na OTAN. Na mesma liña, lembraba que o candidato republicano era o primeiro presidente estadounidense desde 1980 que non comezaba unha guerra no seu mandato (2016- 2021).

O 75 aniversario da fundación da OTAN paira sobre o seu cumio. A este respecto, Stoltenberg apostou por “recuperar o espírito fundacional” da organización, fundada, segundo o historiador Vijay Prashad, “a comezos da Guerra Fría como instrumento para garantir a hexemonía estadounidense no mundo”, “nun contexto de enfrontamento coa Unión Soviética e as democracias populares". Porén, a desaparición do denominado bloque socialista a comezos dos anos 90, que formalmente xustificou a fundación da OTAN, non implicou unha reformulación desta.

As fendas coas políticas da OTAN

O actor decisivo na definición da liña da OTAN é Estados Unidos, xogando o resto dos países membros un papel subalterno. Porén, algúns dos seus integrantes, como Turquía ou Hungría, teñen expresado nos últimos tempos reservas cos propostas da alianza. Ao tempo, os resultados dos últimos comicios europeos evidencian un malestar coa liña belicista da organización, expresada no incremento da representación daquelas formacións críticas coa súa política no leste de Europa

Comentarios