Orbán viaxa a Moscova e reúnese con Putin na súa "misión de paz"

Líderes da UE censuran a xuntanza entre Budapest e Moscova.
Orbán e Putin, esta sexta feira en Moscova (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press).
photo_camera Orbán e Putin, esta sexta feira en Moscova (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press).

O primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, viaxou esta sexta feira a Moscova para reunirse co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, coa intención de tender pontes de cara a un proceso de paz na guerra de Ucraína. Así o fixo días despois de manter outra xuntanza co líder do Goberno ucraíno, Volodímir Zelenski.

A "misión de paz", como a cualificou Orbán, non sentou ben na Unión Europea (UE). "O desacougo non deterá Putin", salientou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. "Só a unidade e a determinación facilitarán o camiño cara a unha paz ampla, xusta e duradeira en Ucraína", engadiu.

O Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell, afirmou que a viaxe de Orbán debe enmarcarse "exclusivamente" no marco das relacións "bilaterais" entre Budapest e Moscova. "Non representa a Unión Europea de ningunha forma", dixo a pesar de que Hungría ten a Presidencia de quenda do Consello da UE.

O primeiro ministro húngaro, pola súa parte, recoñeceu esta sexta feira que a Presidencia rotatoria non ten competencia para negociar a paz en nome da UE. Porén, espera que o seu mandato sexa unha "ferramenta" para facilitar un posíbel cesamento das hostilidades entre Rusia e Ucraína. 

"O número de Estados [da UE] que poden falar con ambas partes do conflito estase esgotando rapidamente", lamentou Orbán, que destacou que "non se pode facer a paz desde unha cómoda cadeira de brazos en Bruxelas". "Non podemos sentarnos a esperar que [o conflito] termine milagrosamente", argumentou.

Putin explicou que intercambiaría opinións sobre o conflito ucraíno e prometeu familiarizar o húngaro cos detalles da proposta de Moscova para un acordo con Kíiv. Tamén pediu a Orbán información da posición de Hungría e da UE sobre a situación actual da contenda.

Comentarios