Opinión

Rostros do País


“La esencia más honda de la fotografía no es tanto su componente formal, como su condición de archivo del tiempo”. 
Publio López Mondéjar, “La flor venenosa de la artisticidad”, na revista Litoral, 2010.

Levo máis de 40 anos facendo fotografías, sendo consciente de que a fotografía é unha linguaxe e unha maneira de comunicar. Reivindicando o fotodocumentalismo e o retrato como xéneros aos que me sinto próximo. Interésame o retrato non só como unha maneira de coñecer ás persoas, senón tamén como unha maneira de coñecer á sociedade. Para min, a fotografía, ademais de expresión creativa, ha ter unha proxección social.

A fotografía é a miña maneira de vivir, de relacionarme coa sociedade. O eixo do meu traballo está en retratar Galicia, o espazo que habito. Cunha mirada que ás veces pode ser crítica: non é un amor cego. 

Retratar aos galegos é unha teima. Ás veces con ironía e distancia crítica, buscando a nova identidade que nos define, como no proxecto, “Jalisia, is my country”. Outras, homenaxeando os nosos símbolos mais prezados: “Camiño de Santiago”, “No País das Vacas”, “O Ribeiro”, “Rías Baixas, o viño do mar”, “Airiños aires Rosalía”, “Mexillón de Galicia”...

A identidade galega, o que nos caracteriza como pobo, é sempre motivo de reflexión visual para min. A Xeración Nós marcou os elementos identitarios de Galicia; hoxe cómpre actualizalos: xa non somos unha sociedade rural. Tento dar respostas a través da fotografía, ou máis ben atopalas. Busco retratar Galicia con mirada contemporánea.

Retratar aos galegos é unha teima. Ás veces con ironía e distancia crítica, buscando a nova identidade que nos define

En 1995, publiquei o libro e exposición “Galegos na escaleira” (Fundación Caixa Galicia), resultado dunha serie de retratos de galegos e galegas en cadansúa escaleira publicada en La Voz de Galicia. Tratábase de desbotar que “os galegos non soben nin baixan”. Si que había galegos que tomaban decisións. Xuntábanse fotografía e ironía sobre o tópico. Deille a volta ao dito. Despois foron outros proxectos, como “Viguíssimos” ou “Orgullo de Ferrol”. Sempre co retrato como elemento condutor.

En 2008, realicei unha homenaxe fotográfica aos represaliados do franquismo: “Rostros da Memoria”. Fotos en branco e negro, primeiros planos: fotos sentidas. En 2012, retomei a serie de “Galegos na escaleira”, desta vez na edición galega do xornal El País

En fin, o retrato é unha das miñas liñas de traballo e reflexión fotográfica. Onde me sinto máis cómodo.

Hai un referente para este proxecto na historia da fotografía clásica. Na Alemaña de entreguerras, o fotógrafo August Sander (1876-1964) levou adiante un proxecto ambicioso: retratar aos alemáns, “Homes do século XX”. Sistematicamente, por oficios e clases sociais, foi compoñendo unha serie de retratos frontais, directos, cunha mirada aparentemente neutral. É un inventario visual de persoas definidas pola súa actividade. A primeira entrega é o libro “O rostro do noso tempo. 60 fotografías do pobo alemán” (1929). Esta obra marcou un fito no terreo do fotodocumentalismo. En 1934, os nazis requisaron os volumes publicados: non gustaron da mirada de Sander, os seus retratos da xente do común. Eles querían superhomes. Despois, Sander dedicouse a fotografar a paisaxe.

Para min, o retrato é unha complicidade entre o retratado e o retratista. É esa boa comunicación a que fai un bo retrato. A mirada define un retrato. 

O retrato é unha complicidade entre o retratado e o retratista. É esa boa comunicación a que fai un bo retrato

Interésame o retrato sociolóxico, onde a persoa aparece no seu ambiente profesional ou persoal, con elementos de referencia que explican e contextualizan a súa actividade. O retratado rodeado de elementos do seu traballo. Unha mirada sociolóxica que se combina coa miña mirada como fotógrafo. Posando, mirando á cámara. Con mínimos elementos de intervención por parte do fotógrafo. Só reforzando a iluminación ambiente. Sempre buscando a dignidade do fotografado.

Hai unha intencionada mestura na selección dos personaxes. Xente que trunfa nas súas respectivas actividades e sectores. E xente que, sen destacar especialmente, no seu traballo diario contribúe a que este país funcione. As xentes do común. É como unha radiografía do país nun intre determinado. Unha vision plural da Galicia máis dinámica. Poñéndolle rostro a Galicia.

É un xeito de contribuír a forxar a imaxe da Galicia fóra de tópicos. Coñecer e divulgar unha selección de persoas de Galicia como un modo de alimentar a autoestima colectiva e ter unha imaxe de nós mesmos como Comunidade con potencia e talento. Pero tamén é levantar acta “dos galegos como tribo en proceso de extinción”. Espero que en cen anos, se alguén mira este libro, non nos vexa como un pobo que desapareceu, senón como o comezo dun rexurdir tamén demográfico.

O proxecto de Rostros do País ten vocación de contribuír ao orgullo de ser galego. E aquí aparecen galegos de todo tipo: dende inmigrantes caboverdianas, ata empresarios de éxito; dende traballadores en paro, ata afamados artistas. Galego é calquera que vive e traballa no país. Este foi o criterio que seguín.

O proxecto ten dúas patas: setenta galegos –o numero é unha cuestión de espazo expositivo– que resumen a miña mirada aos meus paisanos; e os máis de 1.443 que aparecen formando o mapa de Galicia. Estas fotos foron enviadas nun proceso colaborativo, pero tamén hai moitos retratados por min, co mesmo criterio de alternar xentes máis recoñecidas e persoas anónimas.

A fotografía é una maneira de mirar. Una foto é unha mirada do fotógrafo, con todos os elementos de subxectividade implícitos. 

Neste traballo hai unha escolma de persoas baixo o criterio de pluralidade e representatividade, por actividades, por territorio, por idade, por sexo... Podían ser estes os escollidos ou seren outros. Seleccionar 70 non é fácil, e asumo unha certa discrecionalidade: eu estou suxeito á miña formación, historia persoal e preferencias. Como todo autor fotodocumental, sei que a obxectividade pura non existe, así que busco a honestidade. E creo honestamente que é esta unha escolma representativa da Galicia do 2016.

Seleccionar 70 retratos non é fácil, e asumo unha certa discrecionalidade: eu estou suxeito á miña formación, historia persoal e preferencias

A fotografía é unha fonte da memoria; unha testemuña subxectiva, pola mirada do fotógrafo. Calquera fotografía despois de ser tomada é memoria, pasado.

Se esta galería de retratos serve para coñecernos mellor e para que mellor nos coñezan, xa terá cumprido o seu obxectivo.

Parafraseando o famoso slogan: “Vivamos e sintamos orgullo de sermos galegos”.

Este texto corresponde á intervencion de Xurxo Lobato durante a inauguración da súa exposición Rostros do País, realizada esta quinta feira 14 de xullo na Cidade da Cultura. A mostra ficará aberta até setembro.

Comentarios