Opinión

A quedada de Davos

Ultimamente dame por facer cousas aburridas, apréndese moito. Un día leo unha convocatoria do DOG, outro día un artigo de Mario Conde. Hoxe acabo de revisar a lista (encántanme as listas) dos asistentes ao Foro Económico Mundial de Davos, 2500, despois de ler que este ano pola banda da cultura ía Matt Damon. Que pinta Matt Damon alí? Vai dar unha conferencia filantrópica? Cre que vai convencer a alguén de algo? Vai exercer de nai no parque para aprenderlles aos críos que hai que ser boíños e compartir? Outros anos estaba Bono, ben, Bono é un fixo. Pero entroume a dúbida: Ía alguén máis? Na web de The Guardian atopei a lista enteira. 

Ultimamente dame por facer cousas aburridas, apréndese moito. Un día leo unha convocatoria do DOG, outro día un artigo de Mario Conde. Hoxe acabo de revisar a lista (encántanme as listas) dos asistentes ao Foro Económico Mundial de Davos, 2500, despois de ler que este ano pola banda da cultura ía Matt Damon. Que pinta Matt Damon alí? Vai dar unha conferencia filantrópica? Cre que vai convencer a alguén de algo? Vai exercer de nai no parque para aprenderlles aos críos que hai que ser boíños e compartir? Outros anos estaba Bono, ben, Bono é un fixo. Pero entroume a dúbida: Ía alguén máis? Na web de The Guardian atopei a lista enteira. 

"O privilexio de encabezar a lista deixábanllelo aos representantes da arte e a cultura. Por que? Porque eles son a súa carta de lexitimación. Sen eles Davos veríase como o aquelarre diabólico que en realidade é". 

A relación era difícil de manexar, máis aínda nun portátil sen rato, e creo que nela deixei a vista e a columna para un par de días. Basicamente organizábase en tres bloques, cada un deles organizado por orde alfabética pero sen identificación nin ruptura da continuidade. Por unha banda os políticos, os últimos da lista. O bloque principal ocupábano as grandes corporacións e os medios de comunicación, mesturados. Un entende que vaian os medios, hai que informar. En canto ás corporacións… elas son Davos. E malia todo, o privilexio de encabezar a lista deixábanllelo aos representantes da arte e a cultura. Por que? Porque eles son a súa carta de lexitimación. Sen eles Davos veríase como o aquelarre diabólico que en realidade é. 

Para impedilo alí estaban Vladimir  Ashkhenazy, Margaret Atwood, Luc Besson, Bono, Mario Botta, Chen Kaige, José Carreras, Christo, Paulo Coelho, por suposto Matt Damon, Michael Douglas, Umberto Eco, Peter Gabriel, Richard Gere, Gilberto Gil, Nadine Gordimer, Barbara Hendricks, Quincy Jones, Lang Lang, Amin Maalouf, Yehudi Menuhin, Nikita Mikhalkov, Youssou N’Dour, Krzyzstof Penderecki, Sidney Poitier, Lionel Richie, Jorge Semprún, Ravi Shankar, Wole Soyinka, Frank Stella, Oliver Stone, Charlize Theron, Emma Thompson, Mario Vargas Llosa, Elli Wiesel… os que queirades. Eu a algúns e algunhas deles respectábaos e mesmo os admiraba. 

A carón deles os coleguiñas de Alcoa, Monsanto, Amazon, Arcerlor Mittal, Banco Santander, Bank of America, Merril Lynch, Barclays, Black Rock, Bloomberg, British Petroleum, Chevron, Citigroup, Credit Suisse, Deloitte, Deutsche Bank, Standard& Poors, JP Morgan, The Rockefeller Foundation, Visa, WalMart, Goldman Sachs, Google, Morgan Stanley, LUKOIL, Total, Pepsico, Coca-cola, NASDAQ, os xeques árabes, os mafiosos rusos, Ana Botella… por citar algún coñecidos. Se buscamos aos causantes dos males e as desgracias no mundo vainos custar botar a alguén en falta.

"Que aportou aos debates Michael Douglas? E Charlize Theron? E Lionel Richie? Richard Gere? Sidney Poitier? Como nos pode facer isto Sidney Poitier!!??"

Pode parecer que a lista é excesivamente heteroxénea, como a fantástica clasificación dos animais de Borges, pero as cousas non ocorren porque si. Aquí estaban os e as amantes dos Alpes, os que teñen pel de coiro, os patrocinados, os que deben algo e non saben a quen, os que esperan o impulso dos grupos de comunicación, os que xa tiñan que pasar por Zürich, os enfermos de vaidade, “os que o merecen”, os que “que carallo!”, os que xa non teñen quen lles escriba, os ofrecidos por unha promesa, os que “só saben que había neve, pode que fose Suíza”, e Bono.    

Todos e todas teñen en común o amor por esa neve, a curiosidade innata e a vontade de que as cousas vaian a mellor, ademais da intuición de que as desigualdades e inxustizas no mundo non carecen de contrapartidas se un ten coidado de a que árbore se arrima. Certamente hai máis cousas que os unen das que os separan, especialmente a solidariedade tácita entre as elites, sexan económicas, políticas ou culturais, unha solidariedade que en Davos se renova, cultiva e escenifica á perfección.

"Estas quedadas da beautiful people son, a nivel mundial e con hoteis de cincocentos euros e viaxes de avión en clase business, o que criticamos cando algúns artistas e intelectuais de aquí venden a súa foto chocándolle a man a Feijoo"

Que aportou aos debates Michael Douglas? E Charlize Theron? E Lionel Richie? Richard Gere? Sidney Poitier? Como nos pode facer isto Sidney Poitier!!?? E o máis grave é que nin quero ver a lista dos que rexeitaron o convite, porque seguro que estaría en branco. Visto así, a cultura amósase coa forma e a consistencia da merda, cheira a merda e, se a probásemos, case seguro que sabería a merda. Vai ti a saber se non será unha… 

Estas quedadas da beautiful people son, a nivel mundial e con hoteis de cincocentos euros e viaxes de avión en clase business, o que criticamos cando algúns artistas e intelectuais de aquí venden a súa foto chocándolle a man a Feijoo ou participando en trapalladas da consellería a cambio da estatuíña dun premio, unha páxina de prensa local, un pregón nunha feira, unha exposición en tal sala, unha subvención para todo, un contrato para tal circuito de espectáculos, un billete de turista aquí ou acolá ou un xantar onde faga falta. Puta cultura. 

Comentarios