Opinión

Agrarismo e nacionalismo

"O prezo de desentenderse da política é o de ser gobernados por xentes peores"

Platón

O agrarismo ou a organización dos campesiños nace na Galiza cando aparece Solidaridad Gallega (1907), co fin de loitar contra ao sistema foral e contra ao caciquismo, cun marcado perfil de loita política, sendo a súa revista portavoz A Nosa Terra, marcando así un claro enfrontamento co poder establecido.

Son, máis tarde, os nacionalistas no exilio (Bos Aires, 1 outubro de 1930) na súa revista A Fouce, quen matizan a obriga de saber que o agro non é só economía, senón que tamén é o centro medular da nosa nacionalidade, polo que deciden dedicar con presenza a súa atención.

Logo, na última etapa da ditadura da dereita franquista (anos 60), comézase a organización nos diferentes eidos (estudantil, obreiro, cultural...) por parte da Unión do Povo Galego, acertadamente en contra do pensamento dos partidos comunistas clásicos, apostar na organización dos campesiños, creando os comités de axuda á loita labrega formado fundamentalmente por mozos e mozas estudantes, cregos rurais... para promover xuntanzas para explicar (entre outras) e loitar en contra da cota empresarial.

Volta a ser no ano 1975, cando a UPG promove a creación dunha plataforma para coordinar as diversas organizacións vencelladas á AN-PG, estando entre elas unha organización agraria: Comisións Labregas (CCLL), sindicato agrario de marcado perfil nacionalista, moi vinculado ao nacionalismo político, chámese BN-PG e logo BNG, era tan grande a afinidade que os afiliados máis veteranos (ano 1990) das CCLL-SLG, non lle chamaban sindicato, referíanse ao partido; ninguén ocultaba a procedencia, nin afiliados e afiliadas nin tan sequera aquelas persoas que asistían ás Asembleas Abertas.

Nos anos 2000 todo mudou (baixo o meu punto de vista), e sen tratar de buscar culpábeis, creo que reflexionar sobre o pasado é bo, pero sempre mirando cara a adiante.

O que si teño claro é de que o nacionalismo político e o agrario teñen que camiñar xuntos da man, ten que existir unha correa de transmisión para levar a problemática do rural ao lexislativo (parlamento), así como o de levar as e os representantes políticos aos conflitos, sen ningún tipo de prexuízos por ámbalas partes. As organizacións sociais (sindicatos), ou teñen unha referencia política ou acábanse por converter nunha mala ONG, dito doutro xeito, nun chiringuito do propio sistema.

Agora co salto electoral do BNG nestas últimas eleccións e con moita máis capacidade humana, ábrese unha porta á esperanza de reorganizar o medio rural e, en particular, o agrarismo nacionalista, que deixou de ser hexemónico dende hai anos, en beneficio doutro sindicato, que nada lle importa o noso país.

É un gran momento, e a necesidade aprema, para pór en valor as medidas que no seu día desenvolveu a Consellería nacionalista do Medio Rural como foran as Uxfor, o Banco de Terras, os Contratos Homologados, as Mesas Sectoriais, sen esquecer os proxectos para transformación das nosas producións, apostando por un Grupo Lácteo Galego competitivo e tamén un grupo propio cárnico, todo iso con base no cooperativismo. Nada novo para o nacionalismo, mas hai que seguir insistindo neste tipo de propostas, e, para logralo, a colaboración política-sindical ten que ser mutua.

O nacionalismo para ser hexemónico ten que estar presente en todas as institucións, desde a máis básica, pero importante (os concellos), pasando polas Deputacións e os Parlamentos, e, para iso, o agrarismo, nos conflitos sociais, debe servir para pór en contacto aquelas persoas máis combativas e con ideas claras co nacionalismo político, que nestes momentos se chama BNG, e desta maneira abrir camiños e pechar cancelas á dereita neoliberal representada polo PP, así como á social-democracia españolista que representa o tándem UUAA-PSOE, ao mesmo tempo que se contribúe a consolidar un sindicalismo nacionalista hexemónico e sen complexos.

Coido que neste novo tempo se abre unha xanela á esperanza, que é precisa para manter vivas as nosas producións, xa que como dicían os vellos galeguistas: "o agro é o centro medular da nosa nacionalidade".

Comentarios