Opinión

Que se xoga Galiza o 25S?

A leitura máis fácil é que este 25S Galiza pon en xogo a continuidade de Feijóo, pór fin ou non a 7 anos de goberno conservador no país. Iso é certo e ten a ver basicamente cun número. 38. Se o PP consegue o escano 38 por si só ou co apoio de Cs, a continuidade da direita está garantida. Se a oposición tripartita -PSdeG, En Marea, BNG- alcanzan esa cifra, Feijóo terá de procurar un oco na rúa Génova ou, talvez, talvez, pete nas portas de Pemex para ser nomeado responsábel de vendas na África occidental.

Mais esa sería unha leitura demasiado epidérmica. Hai máis en xogo. Está en xogo que intensidade ten a pulsión de mudanza no noso país. A calidade desa pulsión. Determinar que percentaxe do corpo eleitoral se conforma con relevar Feijóo e que percentaxe quer algo máis, quer pór Galiza cara outro rumo.

É extraordinario comprobarmos como as propostas das tres forzas políticas que encabezan os inquéritos (PPdeG, En Marea, PSdeG) son doadamente intercambiábeis coas dos seus homólogos no Estado (PP, Podemos, PSOE). Estamos nunha campaña ao Parlamento da Galiza, mais os argumentistas desas tres marcas, os escritores dos seus roteiros, non se deron por inteirados. Tocan a mesma partitura que os seus correlixionarios matritentes. O PP, a partitura da estabilidade. En Marea e PSdeG, a do cambio sen máis adxectivos: lisque, señor Feijóo (mudai Feijóo por Rajoy e estamos nas mesmas). Mesmo ás veces é ben difícil achar matices diferenciábeis entre a música de Leiceaga a e melodía de Villares: afinan no mesmo ton para persuadir a mesma bancada.

Estamos nunha campaña ao Parlamento da Galiza, mais os argumentistas desas tres marcas, os escritores dos seus roteiros, non se deron por inteirados

E porén, teño para min que os problemas da Galiza non se resolven cos poderes políticos que se nos conferiron en aplicación da legalidade española (a Constitución de 1978, o Estatuto de 1981, esta, unha carta outorgada que, non o esquezamos, é unha lei orgánica española que se vota no Congreso dos Deputados). Con eses poderes políticos podemos aplicar parches que, si, mellorarían a obra de Feijóo, cousa relativamente doada, mais que non servirían para irmos a mudanzas de fondo. O que necesitamos -unha facenda propia, un marco de relacións laborais propio, unha tarifa eléctrica galega, a potestade de convocar referendos vinculantes...- non colle no estreito marco que as forzas políticas estatais impuxeron a este país nos anos imediatamente posteriores ao falecimento do ditador. Non é un traxe a medida, é unha camisa de forza que impide liberar as potencialidades que temos como nación.

Non é un traxe a medida, é unha camisa de forza que impide liberar as potencialidades que temos como país

En todo iso, e con acerto, estivo a pór o acento o Bloque Nacionalista Galego na precampaña. É a tarefa que lle cómpre a unha forza soberanista de esquerdas. Non ser conformista e sinalar, tamén con realismo, horizontes. Galeguizar a campaña é o mínimo que se merecen as galegas e os galegos nunha carreira para elexer os 75 asentos do Hórreo.

Destarte, esta campaña son tres campañas á vez. A campaña de 4 anos máis de Feijóo (PPdeG). A campaña de adeus Alberto (PSdeG e En Marea). E a campaña de goodbye PP, comezamos a viaxe cara a unha Galiza progresivamente dona de si propria (BNG). En Sermos irémolo contando día a día. Amigas e amigos, leitoras e leitores, vós tendes a palabra e o 25 S, a decisión

Comentarios