Opinión

Que votamos o 26X?

Somos galegas e galegos e aínda dependemos dunha estrutura chamada Estado español (ao paso que vai a burra non se albisca o momento en que safemos dela), así que este domingo estamos convocados ao que os españois chaman "eleccións xerais".

Vexamos someramente que é o que votamos e que é o que non votamos. Comecemos por isto último.

Non votamos o presidente do Goberno. Nen Rajoy nen Sánchez nen Iglesias nen Rivera se apresentan en nengunha das circunscricións galegas.

Non votamos por un bloco de centro-direita ou por un bloco de centro-esquerda para conformar nengunha maioría de goberno no Congreso. Votamos listas fechadas de forzas políticas que se apresentan por separadas e que logo poden conformar todo tipo de alianzas (puideche votar o 20D determinada opción pensando que poría por diante de calquera outra consideración afastar Rajoy da Moncloa e finalmente non foi así, ou xa non te lembras?).

Non votamos por nengún cambio de réxime. As forzas políticas que poderían reunir suficientes escanos para o promover (as 4 estatais) non formulan nengunha alteración substancial do statu quo. A que pretensamente se sitúa en posicións máis de esquerda hai muito tempo que arriou a bandeira republicana co argumento de que esa é unha pelexa que non dá votos (xa non falemos de saír do euro, vade retro).

Que é o que votamos entón?

Non lle vexo moito sentido votar representantes que irán engrosar os grupos parlamentares liderados por Rajoy, Sánchez, Iglesias e Rivera

Basicamente a nosa representación nas Cortes Xerais do Estado: 23 deputadas e deputados, 14 senadoras e senadores.

Iso é o que imos votar.

Sendo así non lle vexo moito sentido a votar representantes que no canto de nos representar a nós como galegas e galegos irán representar no Congreso e no Senado as posicións políticas decididas polas súas cúpulas dirixentes madrileñas.

Non lle vexo moito sentido votar representantes que irán engrosar os grupos parlamentares liderados por Rajoy, Sánchez, Iglesias e Rivera.

Ou votamos galego ou votamos español. Non hai termo meio. Iso é o que votamos o 26X.

Comentarios