Opinión

Un sen sentido sectario

Que sentido ten a exclusión do BNG da delegación galega que irá ao Congreso a demandar a transferencia da AP9, unha iniciativa precisamente da formación nacionalista? Se aplicamos a pura lóxica parece un despropósito. Se foi o BNG quen promoveu a lei debería ser o Bloque quen a defendese no Parlamento español (si, infelizmente, aínda temos que ir a Madrid para que nos autoricen a xestionar nós os nosos propios asuntos). Ese é o sentido común, mais, amigos e amigas, isto é política e aquí (sexa a política troglodítica ou sexa a política pretensamente novísima da era da post-verdade) rexen outros códigos, o que é normal no mundo normal aquí non o é en absoluto, aquí o que manda é a loita á desesperada por ocupar espazos aínda que só sexa para que non os ocupen as e os outros, todo isto, of course, adubiado de cánticos incesantes á defensa do interese xeral, da cidadanía, da xente, etc.

O asunto é que só desde o sectarismo máis absoluto se pode entender este veto ao BNG. O que tencionan ao unísono PP, PSOE e En Marea é que o Bloque non volte a aparecer por Madrid, non vaia ser que o contraste co que elas e eles están a facer neste momento crucial da tramitación dos orzamentos apareza con demasiada crueza perante a opinión pública galega (as e os deputados do PP galego postos en evidencia polos 5 escanos do PNV, as e os parlamentares de En Marea incapaces de lograr que unha soa referencia concreta a Galiza aparecese na emenda á totalidade do grupo confederal de Unidos Podemos, a representación do PSdG bastante ten con darlle "Like" a Pedro ou Susana no Facebook). 

Aliás, este lance ten un certo ar esperpéntico. Non, non estará o BNG na delegación galega, non estará a forza promotora da iniciativa, mais si o PP, que é a forza que a ten vetado en Madrid, ao ponto de ter mesmo bloqueado a sua tramitación en primeira instancia.

Falta grandeza na vella (PP, PSOE) e na nova política (En Marea) e sobran toneladas de sectarismo. Unha lástima.

Comentarios