Os EUA son unha democracia burguesa en estado puro. Isto significa que só poden gañar as eleccións un conspicuo ou unha conspicua representante da burguesía ou, se o preferides, un representante ou unha representante do que Chomsky nalgún momento definiu como Business Party. Digamos que nos EUA o que se verificou nesta campaña é unha certa fenda nas clases dirixentes. O triunfo de Trump -plutócrata, misóxino, xenófobo, particulamente islamófobo- é surprendente porque, e aí ten razón Julian Assange, a grande maioría do establishment financeiro e mediático estaba contra el. Trump gaña un pouco pola mesma razón pola que Obama gañou en 2008 contra a propia Clinton nas primarias, contra McCain nas presidenciais, porque chamou a votar sectores que tradicionalmente non participan nas eleccións, por non se sentiren representados polo sistema político. Obama parecía impugnar o réxime desde a esquerda (embora el propio era réxime) e Trump faino agora desde a direita (embora el propio é réxime).
En todo caso, o relevante nestas eleccións, como o foi tamén no Brexit en UK, é que non existe un consenso fechado no seo das clases dominantes. O caso dos EUA é moi relevante, porque estamos a falar da única superpotencia mundial, do único imperio realmente existente. Si que había certas diferenzas nos proxectos políticos de Trump e Clinton -o republicano representa talvez máis os intereses do capital industrial con menos intereses na esfera global, a demócrata máis na onda das transnacionais e do complexo militar-. Teremos de estar moi atentos a como move agora as pezas os EUA no taboleiro mundial, en teatros de operacións como Siria ou Ucraína. No terreno da política interior, as minorías raciais e a clase traballadora non poden agardar moi boas noticias do lado de Trump, embora teña sido o proletariado empobrecido branco o factor chave no triunfo do magnate.
O relevante nestas eleccións, como o foi tamén no Brexit en UK, é que non existe un consenso fechado no seo das clases dominantes
Gaña Trump e o imperio continuará a ser o imperio. Que non comparecese Clinton na noite eleitoral para admitir a súa derrota (optou por unha chamada telefónica ao líder republicano) mostra que a guerra no topo da escala social norteamericana está lonxe de ter concluído. Aquí nas colonias o ideal sería tomar conciencia de que ningún dos candidatos estaba do noso lado -non esquezamos que Clinton estaba posicionada cos falcóns do complexo militar industrial e que sen o que ela representa non se tería desencadeado a guerra a Libia- e que, portanto, a política verdadeiramente progresista ten de ser antes do máis, e como condición previa para merecer ese nome, anti-imperialista.
En realidade, non vos chamades a engano, o Business Party continúa ao mando. Esa é a súa democracia.