Opinión

Syriza non é Podemos, Grecia non é España, Galiza non é España

O marxismo como filosofía ensínanos que todo está en proceso de mudanza dialéctica co ambiente

O marxismo como filosofía ensínanos que todo está en proceso de mudanza dialéctica co ambiente e que, portanto, nada é igual a nada, nada hai abstracto, todo é concreto, nen sequer nós somos idénticos a nós propios, porque tamén mudamos, o individuo que somos agora ten non sei cantos millóns de células distintas ao suxeito que fomos hai un par de meses.

Por que digo/escrebo isto? Porque no mundo da política, ben como no da vida social en xeral, costúmase caír con muita frecuencia en falsas analoxías e en miraxes máis ou menos escintilantes, máis ou menos apampadoras. Por exemplo, a asimilación de Podemos con Syriza (nalgunha televisión española, singularmente adicta á formación de Pablo Iglesias, cheguei a ouvir que Syriza era o Podemos grego!). Asimilación, si, de dúas forzas políticas que os mainstream media españois acotío emparentan, uns a cualificalos de populistas de esquerda, outros a clasificalos simplesmente como estremistas de esquerda (si, cavernícolas estilo Marhuenda, por non falarmos dos epígonos indíxenas galegos). Mais aquí cumpre dicer que ten toda a razón Pablo Iglesias cando di que Grecia non é España, que é tanto como dicer, sen o dicer explicitamente [neste momento aínda non está clara que rendibilidade eleitoral se lle pode tirar ao asunto, convén certa ambigüidade] que Podemos non é Syriza. E realmente non o é. Syriza e Podemos son produtos de dous países con historias moi distintas e, portanto, obedecen a lóxicas non sempre converxentes. 

Syriza defínese con clareza como esquerda. É máis: faino como esquerda non socialdemócrata, ao ponto de o seu nome vir a significar Coligazón da Esquerda Radical (Syriza é un acrónimo). Podemos, embora a procedencia esquerdista dos seus cadros dirixentes, declara enfático a superación pola vía dos factos da vella dialéctica de contrarios [dialéctica pre-marxista, con raíces na revolución francesa de 1789] entre a direita e a esquerda.

Isto non significa que ao final Syriza e Podemos -como todas as forzas que aspiran á maioría eleitoral- non vaian atemperando o seu discurso e esluíndo os seus perfís, na procura das zonas tépedas do eleitorado, esas que non por centrismo [o centrismo é unha entelequia, non é nada como ideoloxía] senón por pragmatismo [o que vale hoxe pode non servir mañá] poden votar tanto A como B, non sendo patriotas de partido.

Se as cousas correren ben para Syriza, Iglesias modulará o seu discurso e voltará a facer rular as fotos con Tsipras. Se o barco de Syriza se esnafrar contra os cons do Reich -se for expulso da zona euro, se ficar sen liquidez para pagar as nóminas...-, o presumíbel é que Iglesias volte a dicer solemne que España non é Grecia, como xa no seu momento afirmou, tautolóxico, que tampouco era Venezuela. En todo caso, o líder de Podemos defenderá o espazo español de decisión e a especificidade da súa oferta política. Normal.

Onde Pablo Iglesias di que nen direita nen esquerda, Breogán Rioboo engade que nen nacionalismo nen centralismo

Si, España non é Grecia. Tampouco Galiza é España. Por iso aquí a solución aos nosos problemas non pasa por experimentos alleos. O discípulo galego de Iglesias -Bregoán Rioboo-, na súa estrea como líder, xa ensaia unha adaptación do discurso do seu chefe. Onde Pablo Iglesias di que nen direita nen esquerda, el engade que nen nacionalismo nen centralismo, como suxerindo unha sorte de síntese, ou de buraco negro, unha declaración retórica que procura a equidistancia entre o BNG e o PP, sen os nomear.

Mais Breogán Rioboo ten un problema do que carece Pablo Iglesias. PI non vive nunha nación sen estado. BR si. E unha nación sen Estado ten dúas opcións: ou se conforma con continuar como está ou pelexa por ter iso do que carece, un Estado propio. Ou sexa, é difícil escapar da dialéctica entre nacionalismo e centralismo, non hai espazos intermedios, non hai equidistancia. Ou somos ou non somos unha nación. Non vale dicer que se respeita o dereito de autodeterminación, o asunto é moverse para o materializar.

Mais Breogán Rioboo ten un problema do que carece Pablo Iglesias. PI non vive nunha nación sen estado. BR si. 

O discurso de Tsipras ten ares soberanistas. Varouzakis mesmo escrebeu no New York Times que Grecia non quer ser unha "debt colony" [unha colonia endebedada].

Os que non queremos que Galiza sexa nen unha debt colony española nen alemá non podemos dicer que tanto nos ten ser ou non ser. Sabemos ben que é aquilo que non somos. Sabemos que non somos nen Grecia nen España. Sabemos que somos Galiza. Voltemos ao Marx filósofo. Nada é igual a nada. Todo é distinto, concreto, único. Non nos valen as solucións pensadas para Atenas ou Madrid: temos problemas específicos e necesitamos imperiosamente un espazo galego de decisión.

Este artigo viu a luz nas páxinas de opinión do número 134 de Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques do país e aquí na nosa loxa.

Comentarios