Opinión

Nicola Sturgeon

No Reino Unido teñen unha democracia minimamente formal, desas que gardan as formas

 

No Reino Unido teñen unha democracia minimamente formal, desas que gardan as formas, así que até se realizan alí referendos vinculantes sobre a hipótese de independencia dun dos seus territorios, e até se fala con normalidade nos meios públicos e privados da existencia no seu seo de "four nations". E non pasa nada, embora o o pasado imperial e o presente imperialista do Estado británico, auténtico portavións dos EUA en Europa.

Como si é unha democracia formal, o 2 de abril os líderes de todas as formacións políticas interesadas en ocupar asentos en Westminster nas xa inminentes lexislativas do 6 de maio (todas agás o Sinn Fein, que olla para Dublín, non para Londres) partillaron un debate eleitoral con maiúsculas. Maiúsculas porque as dúas grandes forzas políticas, tories e laboristas, non enviaron a segundas espadas para ningunear as organizacións minoritarias -cousa que sistematicamente fai aquí o bipartidismo español-, senón que se apresentaron con David Cameron, actual prime minister, e con Ed Miliband, o seu hipotético sucesor en Downing Street.

Nas vésperas do combate dialéctico, os ollos dos correspondentes políticos especializados puxeron o foco en Nicola Sturgeon, líder do Scottish National Party e actual primeira ministra escocesa. Sturgeon gasta sona de grande comunicadora e costuma brillar nos debates. Chegaba á contenda precedida dos bos agoiros dos inquéritos. O SNP ten actualmente en Westminster 6 escanos. Os arúspices demoscópicos prognostican un salto histórico para o nacionalismo escocés na cita do 6M. Hai algúns estudos que até lle dan 50 dos 59 escanos en xogo. Teñamos presente para avaliarmos isto que no Reino Unido vigora unha lei eleitoral maioritaria por distritos unipersoais. A norma é, portanto, que the winner takes it all, o gañador ou a gañadora na circunscrición -a forza máis votada- obtén a representación. Non hai ningunha corrección proporcional. Contodo, o SNP está nun momento de forma impresionante e non só arrasará en Escocia, mais tamén terá previsibelmente a chave para conformar maiorías en Westminster, sendo que todo apunta a un empate técnico dos conservadores e os laboristas e a unha importante queda do partido liberal demócrata de Nick Clegg, o actual pareceiro dos tories.

Vitoria no debate

Sturgeon non defraudou. Ao contrario. Sturgeon gañou o debate, segundo o promedio das enquisas publicadas na imprensa. Unha líder independentista escocesa engaiolou a opinión pública británica. Moitas inglesas e ingleses votarían SNP se puidesen. Alguén imaxina algo parecido no Estado español? Alguén imaxina a Rajoy e Sánchez debatendo en pé de igualdade con Junqueras, Otegui (ostras, con Otegui, non, que está na cadea: lembremos que nen a Thatcher ilegalizou o Sinn Féin) ou Vence?

Unha líder independentista escocesa engaiolou a opinión pública británica. Moitas inglesas e ingleses votarían SNP se puidesen

Mas as democracias formais perden as formas rapidamente cando o statu quo se ve en perigo. Un día despois do debate, o goberno británico -o Foreign Office para sermos máis exactos- filtrou ao The Daily Telegraph unha información segundo a cal, e no marco dunha reunión reservada co embaixador francés no Reino Unido, Sturgeon teríase manifestado a prol da permanencia de David Cameron en Downing Street, xusto o contrario do que ela e o seu partido afirman en público. A historia podería ter efeitos letais para o SNP nas zonas do eleitorado que son fronteirizas co Labour Party.

Sturgeon negou enfaticamente a información. Non só Sturgeon, tamén a embaixada francesa. O consul Pierre-Alain Coffinier afirmou a The Guardian que, após revisar as súas notas do encontro, non achou absolutamente ningunha referencia da líder do SNP sobre as súas preferencias no duelo Cameron-Miliband. The Daily Telegraph publicou a súa información sen dar oportunidade a Sturgeon a oferecer a súa versión.

A historia resulta tan inverosímil que até pode ter un efeito boomerang para os intereses dos conservadores e claramente pon en cuestión a neutralidade dos aparatos de estado británicos. Miliband, iso si, deulle crédito, o que mostra que en materia de ética política está máis perto de Cameron do que de Sturgeon. Ao cabo, e se o pomos en relación ás xustas demandas das nacións escocesa, galesa ou irlandesa, non hai nada que se pareza máis a un conservador inglés do que un laborista inglés.

Este artigo viu a luz no número 140 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

comentarios