Opinión

Martin McGuinness

Hai homes que son imprescindíbeis en todos os momentos. Non por mesianismo, senón pola súa natureza. Hai homes que saben que facer e como o facer por duras e adversas que foren as circunstancias. Se, alén do máis, son capaces de o faceren non como individuos isolados, senón como un elemento inseparábel das súas comunidades, entón eses homes son líderes e até poden ser símbolos nacionais.

Martin McGuinness era dese xénero de homes. Un tipo de aparencia rochosa e de conviccións pétreas, mais tamén un político pragmático, preocupado por que os ideais se comezasen a materializar aquí e agora e non nun futuro indeterminado e nebuloso, capaz de facer a guerra e a paz con idéntica determinación, da mesma madeira que Castro ou Mandela.

No Estado español Martin teríao tido máis difícil. Tería vivido parte da súa traxectoria política na ilegalidade -nen sequer Margaret Thatcher se atreveu a ilegalizar o Sinn Féin- e a última década da súa vida no canto de ter sido viceprimeiro ministro de Irlanda do Norte -a partillar goberno coa formación unionista protestante- tería sido inhabilitado por un poder xudicial ao servizo do executivo. Madrid non premia os peacemakers -eis o caso paradigmático de Arnaldo Otegui-, senón que os persegue e castiga.

A causa de McGuinness -que con Gerry Adams compuxo unha dupla inesquecíbel- foi sempre a construción dunha sociedade máis xusta e a loita contra toda forma de imperialismo. Nesa trincheira batallou até o final da súa existencia.
 

Comentarios