Opinión

Evidencias do asunto Ramón Espinar

1.-Non estamos perante un caso de corrupción, nen grave nen leve. Isto non é Filesa, a trama de financiamento ilegal do PSOE, nen é a Gürtel, idem do PP. Estamos ante unha operación mercantil axustada a direito.

2.-Ramón Espinar obtén coa compra-venda dunha mercadoría (unha vivenda submetida a prezo taxado pola administración) unha gañancia neta, após impostos, de por volta de 20.000 euros. A compra-venda de mercadorías e a obtención de plusvalías son a mesma natureza do capitalismo. Este non existiría sen aquelas. O capitalismo é legal, é a legalidade mesma, outra cousa é a súa sustancia ética e se é compatíbel cunha sociedade xusta e sen explotación. Só unha pergunta a este respeito: cantas horas de traballo ten de realizar unha traballadora ou un traballador para acumular unha gañancia neta de 20.000 euros? En moitos casos precisa de varios anos de traballo. Espinar, non. Limitouse a asinar uns papeis e a facer uns trámites burocráticos para obter unha bonita cantidade limpa de diñeiro. Todo legal, of course.

3.-Só unha exigua minoría de mozas e mozos teñen o suficiente poder adquisitivo, en por eles ou a meio da súa familia, para comprar unha vivenda á tenra idade dos 20 anos. Espinar non podía ignorar, no momento en que mercou a morada en construción, que existían moitas posibilidades de que, unha vez que lla entregasen, non puidese sufragar a hipoteca. A súa familia, moito menos. Ten razón, portanto, Cayo Lara cando afirma que estamos perante un caso obvio de especulación. Un rapaz cunha bolsa de menos de 500 euros ao mes obtén dunha tacada 20.000 euros limpos despois de comerciar cun ben, unha vivenda de prezo taxado pola administración, e de a vender ao máximo prezo permitido. Iso é todo o que hai. A economía mercantil na que vivemos permite este tipo de xogadas. Son legais.

4.-A reacción de Pablo Iglesias á publicación da noticia por parte da emisora radiofónica de PRISA é a típica de todo político sistémico. O político madrileño limítase a aplicar o principio de que todo o que fan os meus está ben, con independencia do que obxectivamente fagan. O relativismo moral é un dos valores básicos da sociedade burguesa. Nas súas declaracións desta quinta feira, Iglesias vén dicer algo así como "que queriades que fixese, que regalase a vivenda?". Ninguén está a falar diso. O que se está a falar aquí é dun exemplo de especulación inmobiliaria, o fenómeno que Podemos critica desde a súa fundación. As condutas non son obxectivamente reprobábeis. Sono sempre en función de quen perpetre os feitos. Se é alguén que milita na miña facción, barra libre. Todo iso é o que nos quer transmitir Iglesias.

5.-A diferenciación que estabelece Iglesias no seo do propio Podemos entre os elementos menos simpáticos (eles) e os máis simpáticos para o sistema (os errejonistas) mostra a extraña concepción que ten o politólogo da Complutense sobre a unidade popular. Mao teorizou sobre as contradicións no seo do pobo. Iglesias enriquece a teoría maoísta coa idea de que no pobo hai sectores ben vistos polo capital mediático. Se argumentamos que os errejonistas son aceitábeis para os "grupos de poder", entón estamos a dicer que realmente non son os nosos. O sectarismo é unha das maldicións da esquerda, rupturista ou non. Iglesias bebe desa tradición e nese sentido non é que non sexa un político novo, é que é un político decimonónico (na I Internacional Prisa tería apoiado Bakunin no canto de Marx, etc).

Destarte, o caso Ramón Espinar é unha boa ilustración sobre os contidos concretos da alternativa de Podemos, sobre como esta formación aparentemente radical aceita no fondo o marco sistémico (todo é legal, etc) e sobre como o fraccionalismo (os meus teñen licenza para facer o que lles pete, aos outros nen auga) se impón na praxe sobre a retórica da unidade popular.

Comentarios