Opinión

Catalunya: cara á ruptura co Estado

Non hai xeito de parar o vento da historia e Catalunya camiña con decisión cara á ruptura co Estado español.


Non hai xeito de parar o vento da historia e Catalunya camiña con decisión cara á ruptura co Estado español. Iso é o relevante do que está a acontecer no Principat desde que o Tribunal Constitucional español aldraxou a vontade do pobo catalán ao revogar o seu Estatut. O nacionalismo pactista catalán xa é historia. O autonomismo está superado. Estamos noutro ciclo. E o obxectivo das forzas políticas que exercen a auto-organización na nación catalá non é outro que a consecución da plena soberanía nacional.

Como reaxe o unionismo? Invocando tamén ese sintagma, soberanía nacional, mais non desde un pobo, senón desde unha estrutura imperial, o Estado español, unha organización política que está nunha profundísima crise e que só se pode perpetuar desde a dominación, desde a negación do dereito democrático máis elemental, o dereito a decidir dun pobo.

O pobo catalán séntese maduro, maior de idade. Quer viver a súa vida. Quer independizarse.

No fondo, a cuestión básica é determinar se Catalunya -se, no noso caso, Galiza- existe como tal. Di o historiador imperialista español García Cortázar que Catalunya é unha rexión, isto é, o apéndice dunha nación. Se iso for así, Catalunya non tería dereito a decidir porque non sería pobo, ninguén no Alentejo invoca o dereito a decidir face Portugal. Mais se Catalunya é nación -e éo porque así é como a percibe a inmensa maioría das catalás e dos cataláns-, ninguén poderá pór teito nen dique ás súas aspiracións. E iso é o que está a acontecer estes anos naquel país. Séntese maduro, maior de idade. Quer viver a súa vida. Quer independizarse.

Argumentaba este día Rajoy que Catalunya non pode autodeterminarse porque a Constitución o impide e que Escocia, si, porque os ingleses non teñen Constitución escrita. O argumento revela a debilidade do unionismo: a Constitución de 1978 é un residuo do franquismo, todo atado e ben atado, imposición da Monarquía incluída, cos espadóns prontos a tiraren os tanques á rúa para que non se confundise a liberdade coa libertinaxe, como se viu o 23-F de 1981.

Non hai Constitución antidemocrática que valla cando un pobo se pon en marcha. É altamente probábel que o referendo do 9 de Novembro finde por non se materializar, porque o Estado ten as leis e o aparato coercitivo da súa man. Mais a prohibición dese referendo marcará o principio da derrota definitiva do unionismo en Catalunya, porque apartir de ese momento democracia e independencia serán sinónimos no Principat.

Comentarios