mércores 08/12/21

A carreira máis longa e feliz de Fernando

Primeiro ficou como ancorado ao banco, como isolado

Primeiro ficou como ancorado ao banco, como isolado, mentres a tolemia percorría as bancadas como un arreguizo: o soño cumprido, o ascenso conseguido. Foron os futbolistas a por el: xogadores e treinador alí onde teñen de estar, no relvado. Manteárono. Daquela a torcida reparou na súa figura. Corre la banda/Fernando, corre la banda!!!  De súpeto sucedeu. Fernando púxose a correr. Non a banda. Todo o rectángulo de xogo, sobre as pegadas da vella pista de atletismo, á beira das bancadas. Unha estampa sen precedentes. Un tipo de traxe e gravata a correr, posuído e feliz. Case o esmagan os blues.

A carreira máis longa e feliz de Fernando foi un estourido emocional, un golpe de afecto, espontáneo, nada impostado. Até os sectores máis rosmóns da tribuna -que durante a temporada se mostraron distantes co míster, ao que atribuían certas tendencias amarrateguis- viron na escena a dignidade dun treinador que si algo é, é líder, que é xusto o que necesariamente debe ser un treinador. O guieiro do vestiario. Un motivador. O tipo que turra do carro. Alguén capaz de correr todo o rectángulo de xogo con Riazor petado a rebentar e parecer auténtico, até elegante.

Non vou escreber aquí que o Deportivo ascende unica e exclusivamente grazas a Fernando Vázquez, mas se así o fixera tampouco sería hipérbole. Este Deportivo é unha visión de Fernando. É produto da súa mente, da súa planificación, do seu traballo. Sexamos honestos: a principios da tempada, ninguén tiña na cabeza o ascenso e si un proxecto de retorno á elite a medio prazo, dous ou tres anos. Era o lóxico tendo en conta a equipa. Era o lóxico tendo en conta o meio ambiente. O incendio nos despachos: a débeda elefantiásica a devorar Lendoiro, coa compracencia de certos poderes fácticos.

A carreira máis longa e feliz de Fernando foi un estourido emocional, un golpe de afecto, espontáneo, nada impostado

Mas Fernando tivo unha visión. Non sempre a lóxica goberna o fútbol. Iso é o que lle dá o seu irresístibel encanto, o seu irracionalismo. Podía alguén supor que un recén chegado da Segunda B, o Eibar, findaría por ascender? Podía alguén supor que os recén descendidos Mallorca e Zaragoza pelexarían por manter a praza na Segunda División?

A visión de Fernando non só foi idealismo, senón que é filla do coñecimento. Fernando sabe moitísimo de fútbol. Sabía como ascender. Sabía que, cos recursos dos que dispuña, só podía ascender dunha maneira. O que fai grande a un treinador non é aplicar sempre o mesmo libreto, senón saber que libreto aplicar en cada palco. Fernando sabía que ía ser duro e difícil, mas sabía tamén que non tiña opción. Que este era o xeito. Que non había outro.

O que fai grande a un treinador non é aplicar sempre o mesmo libreto, senón saber que libreto aplicar en cada palco.

Tivo aliados, claro, o entusiasmo da maioría dos futbolistas e o alento da inmensa maioría das bancadas -rosmóns inevitábeis aparte. Soubo explotar as alianzas. Manexou ben os tempos nas conferencias de imprensa. Fernando é un grande comunicador. Aliás, un comunicador que galeguiza. Nunca estivo máis presente a lingua galega na sala de imprensa do Dépor que con Fernando: Insua, Juan Domínguez, Bergantiños, Luis Fernández...Até Luisinho, o lateral portugués que luciu a bandeira do seu país en Riazor, falou sempre sen complexos na súa fala, unha variante da nosa.

Onde nos levará a carreira máis longa e feliz de Fernando? O futuro non está escrito. Fernando seguro que xa ten unha visión para o vindeiro curso. Necesitará aliados, claro. E reforzos, por suposto. Mas Fernando é especialista en criar escenarios para que as súas visións se materialicen, así que non desboten que o mellor estexa aínda por vir. Parabéns, míster.

A carreira máis longa e feliz de Fernando
comentarios