Opinión

A asemblea tranquila e as tarefas homéricas

O novo BNG é máis novo e é máis feminista. Nunca tanta mocidade, nunca tantas mulleres na ponte de mando. Está máis unido -cun forte contraste coas outras forzas da oposición na Galiza- e desprende outra enerxía. Nada é inteiramente novo, como nos ensina a física, mais ten razón Ana Pontón cando emprega a metáfora do Efeito Bolboreta para ilustrar que pequenas mudanzas aparentes poden envolver transformacións profundas. Así que temos un novo BNG, mais en política, como en todo proceso biolóxico, a vida é acumulativa -felizmente-, e a historia das xeracións precedentes está aí para tirar conclusións, desbotar focaxes equívocas e reaprender dos acertos. O adanismo -como nos mostra a Nova Política- con frecuencia acaba mal.

En realidade, o novo BNG de Palexco, o BNG da Xeración dos Menores de 40  (Ana Pontón -1977- está aí na fronteira), enfrenta os mesmos problemas que o BNG vello. Isto é, como conectar coas maiorías sociais e como axir para pór en cuestión a hexemonía social e eleitoral do PP.

Pontón ten dominio do cenario -vai camiño de se converter nunha consumada oradora- e absoluta ascendencia sobre as bases do nacionalismo. Hai equipa arredor dela. Hai proxecto. Hai, claro, outros xadrecistas movendo as pezas no taboleiro e na política, como na vida mesma, non sempres dependes de ti propio. A maior ou menor inspiración dos competidores pode facilitarche máis ou menos o labor (ultimamente en Rodríguez de Viguri non se poden queixar). En todo caso, facer ben os teus deberes é sempre a mellor garantía para estares en disposición de competir con calquera. Iso é o que tentou o BNG en Palexco. Mudanzas de “grande alcance e profundidade”, segundo a expresión empregue por Ana Pontón no discurso de clausura. Unha posta a punto. Un aggiornamento, no sentido literal do termo. Estar aquí e agora. Traballar con perspectiva estratéxica -a consecución da soberanía plena- mais con ollar táctico, a tres, catro anos vista, sabendo o terreno co que xogas, medindo até que ponto as túas mensaxes poden dar no albo ou xerar desafectos, distanciamento, incomprensión.

A tarefa que ten por diante o nacionalismo galego continúa a ser ciclópea. Homérica, que diría o personaxe de The Quiet Man. O BNG viveu tamén esta fin de semana unha asemblea tranquila. Está ben a calma despois da tempestade. A realidade está aí fóra, tras as grandes cristaleiras de Palexco, debruzándose sobre o Atlántico. Hai todo un país por conquistar.

Comentarios