Opinión

Outra forma de actuarmos na Seguridade Social

Detrás da substitución do “factor de sustentabilidade” (en esencia, medio para calcular a pensión inicial de xubilación que trataba de adecuar a contía da pensión á esperanza de vida, de modo que a medra da expectativa vital minguaba a pensión fixada no intre da xubilación) polo “mecanismo de equidade interxeracional” (en esencia, un incremento da cotización en 0,6 puntos porcentuais que teríamos que pagar durante dez anos, entre 2023 e 2032) latexa a mesma visión: é problemático que haxa persoas vellas e que vivan moitos anos, de modo que vivirmos máis anos penalízase economicamente. O avellentamento da poboación serve para cuestionar a viabilidade da Seguridade Social e facer mudanzas que endurecen o acceso a certas prestacións e reducen a súa contía.

Así, o incremento do “gasto” asociado á xubilación da xeración Baby Boom (aquelas persoas nadas entre os finais dos anos 50 e mediados dos anos 70 do século pasado) encárase cunha cotización adicional finalista no lugar de explorar e aplicar outras vías de ingresos distintas das acordadas no marco do (mal chamado e aplicado) Diálogo Social (polo Goberno e sindicatos españois, co rexeitamento da patronal) e do Congreso, que si parten realmente da xustiza e de principios da Seguridade Social tan elementais e básicos como a solidariedade e a igualdade.  

En efecto, a solidariedade é a causa de que na Francia exista unha Contribución Social Solidaria das Sociedades ou C3S (artigos L137-30 a L 137-39 do seu Código de Seguridade Social), pola que aquelas empresas cuxa facturación sen impostos sexa superior a 19.000.000 euros deben pagar anualmente unha cantidade equivalente ao 0,16% da súa facturación (máis de 22.000 empresas no ano 2020). Isto ten permitido unha recadación de máis de 3.000 millóns de euros adicionais no ano 2019 e de máis de 4.000 millóns de euros adicionais no ano 2020, reforzando así o financiamento contributivo ordinario da pensión de xubilación. No caso de optarmos aquí por esta vía adicional de financiamento das nosas pensións, nada habería que obxectar a esta contribución solidaria desde a Unión Europea (e desde as súas “liberdades” fundamentalistas) por causa de que, alén de que xa exista desde hai tempo (sen ter alterado “á libre empresa” e sen ter afectado á contratación laboral con suba de “custes”), o Consello Constitucional de Francia ten desbotado que esta medida constituíse unha violación do dereito de propiedade. 

E tamén por razóns de solidariedade, habería que derrogar o apartado 2 do artigo 306 da Lei Xeral de Seguridade Social e obrigar a cotizar ás sociedades capitalistas sen actividade empresarial (e con grandes beneficios pola súa capacidade patrimonial multimillonaria). A Lei debería mudarse para que as persoas socias de tales sociedades figuren afiliadas e cotizando na seguridade social a través do réxime de persoas autónomas, sen prexuízo doutras mudanzas do seu contido que obriguen a cotizar igualmente ás propias sociedades capitalistas.

A súa cuantificación non é tarefa doada de acometer por causa da opacidade que as rodea, mais isto non impide sinalar que os ingresos anuais en caso de que cotizasen serían como mínimo máis de 400 millóns de euros.

Hai outra forma de actuarmos na Seguridade Social sen ter que penalizar (ou recortar) en pensións. Cómpre termos isto en conta dado que os fondos da Unión Europea vencellados ao plan de recuperación, transformación e resiliencia non son de balde. Hai contraprestacións asumidas (e silenciadas no seu momento) polo Goberno español: facer outras mudanzas na Seguridade Social (incrementar o período de cálculo da pensión de xubilación, malia que isto rebaixe a súa contía na maioría dos casos) e nos planes de pensións de emprego (para especular ou, recorrendo ao eufemismo, “permitir unha distribución de investimentos diversificada e, con isto, mellorar os niveis de rendibilidade”). 

Comentarios