Opinión

Certezas galegas que son antídotos

Ben visto, este tempo necesario de illamento domiciliario, que confina o mal da obesidade informativa, permite repensar cuestións que son intencionadamente marxinadas aproveitando a velocidade inusitada das circunstancias propias desta emerxencia sanitaria. Son certezas pola consistencia do coñecemento que proporcionan, dando seguridade —e mesmo tranquilidade— para encarar con solvencia o presente crítico que vivimos con lóxica preocupación. E tamén desenmascararan a quen emprega o medo para manipular un pobo que se quere asustado e submiso. A COVID-19, á quen se lle negan e recoñecen certos atributos, serve para elaborar un relato da crise, sempre interesado e feito desde a sutileza, que sexa no futuro un marco para condicionar a comprensión da realidade, influír na conduta das persoas e dos pobos e lexitimar medidas antisociais e de maior recentralización do Estado.

Dise que a COVID-19 non distingue entre persoas e que non discrimina, mais o certo é que a capacidade para encarar as súas consecuencias evidencia tamén estratificación social, porque aquela está en función do lugar que nos corresponda nunha sociedade de desigualdades (ou de clases), de modo que a maior riqueza económica maior capacidade. Dise que non repara en ideoloxías para ocultar que o capitalismo (atacando o Público con recortes e acusacións de ineficiente, incompetente e corrupto, e proclamando a excelencia do mercado e do individualismo) está en crise sistémica, que non é capaz de garantir a vida das persoas e dos pobos nin tan sequera nesta situación de emerxencia sanitaria e que depende ―após asfixiar os nosos servizos públicos coa súa política de «austeridade»― do respirador artificial que supoñen as axudas públicas multimillonarias que recibe. Dise que non comprende de linguas, mais o Presidente da Xunta de Galiza prescinde do galego, a lingua propia do noso Pobo, nas súas comparecencias. Dise que tampouco comprende de linguaxe, mais o seu uso perverso e manipulador e os valores empregados para estruturar e comunicar as ideas fan encaixar os termos da dialéctica nun marco só propicio aos intereses de quen ten poder para o facer, de modo que as palabras poden ser perigosas, como sucede cando os mandos militares e das forzas e corpos de seguridade do Estado participan en roldas de prensa e falan en termos e lóxicas militares, normalizando a retórica belicosa e a presenza de militares, ben armados, polas nosas rúas. Dise que non entende de fronteiras, cando a epidemioloxía fala da utilidade das limitacións territoriais para protexer a poboación daquelas zonas con poucos contaxios (Galiza) illando aquelas outras con focos grandes de contaxio (Madrid), mais non se quere porque o tema é, en realidade, quen toma as decisións (soberanía). E por iso, en fin, dise que exixe unidade, hábil argumento para neutralizar críticas xustificadas e reforzar o centralismo dun Estado que nega a súa plurinacionalidade, malia que sexa ineficaz como amosa esta emerxencia sanitaria, a diferenza da utilidade, que é o que se precisa. Si, a da coordinación, cooperación, colaboración e participación de todas as Administracións públicas implicadas, desde os seus respectivos ámbitos competenciais e territoriais de actuación.

A COVID-19 non é causa de crise económica, só desvela un capitalismo moribundo. Dirase que si, para que siga chuchando do Público. A COVID-19 descobre as falacias do Estado español, que non asume as diversidades nacionais confinadas no seu modelo autonómico. O seu centralismo ineficaz resolverase con máis centralismo. E a COVID-19 evidencia a importancia do Público como o mellor antídoto contra situacións como a actual. Malia os recortes e privatizacións nos servicios públicos de protección social, saúde, educación, investigación e ciencia, a competencia e eficiencia do Público fronte ao privado é incuestionábel: que sería de nós cuns servizos públicos totalmente privatizados e destinados só ao lucro empresarial? Sairemos desta emerxencia sanitaria polo Público e non con retóricas épicas e discursos manipuladores. Fagamos entón que sexa máis forte e máis galego. Velaquí a nosa inmunidade social.

Comentarios