Opinión

Precariedade

Sinónimos: vulnerabilidade, inestabilidade, incerteza, inseguridade, debilidade, fraxilidade e estado precario.

O 3 de xullo de 2022, o Presidente do goberno español, Pedro Sánchez, comparecía para informar do próximo Real Decreto Lei que modifica o Estatuto Marco do Persoal Estatutario nos Servizos de Saúde: "Impedirá que un profesional sanitario estea máis de tres anos traballando cun contrato de interinidade sen ser funcionario". A pregunta é obvia: pode un/ha traballador/a estar sen un contrato fixo despois de anos traballando? Que 'empresa' permite esta anormalidade? Que empresa contrata por horas, por días ou por semanas nun posto que pode variar o destino por un tempo tan prolongado? E outra pregunta: como unha administración pública realiza este tipo de contratos? Quen controla as irregularidades? Con este Decreto, o "goberno prevé facer fixos a 67.300 sanitarios".

Tamén di que "os procesos de selección para a contratación de sanitarios son excesivamente lentos e dilatados no tempo, ocasionando a necesidade de provisión temporal polo tempo necesario". Pero nos preguntamos: quen é responsable de que isto sucedese e siga sucedendo? As expectativas dun/ha traballador/a que tarda moitos anos en conseguir poder exercer no Sistema Sanitario Público son as dun salario digno e unha estabilidade razoable. Se non é así: de quen é a culpa? E sabéndoo, por que non se lle pon remedio xa? Que fai ese traballador: marchar!

O ex xerente do Sergas, José Flores, dixo: "Tardaremos un lustro en resolver os problemas da Atención Primaria". Como é posible que un responsable sanitario que ten na súa man a posibilidade de atallar un problema gravísimo non o fixese? Que goberno (neste caso o de Galiza) permite que a situación se perpetúe no tempo e non teñamos visos de solución?

A reivindicación mantida no tempo e por diferentes responsables políticos (incluído o presidente Rueda) é: "Que se aumenten as prazas MIR e que se faga un MIR extraordinario para solucionar esta situación". Acaba de convocar 106 prazas (non o fixo o goberno central...) e presentáronse 353 médicos e médicas, polo que deixa fora a 247 profesionais que poderían empezar mañá a traballar (e non nun lustro). As profesionais xa estaban traballando no sistema.

Tamén nos preguntamos, porque non substitúen enfermeiras, PSX, traballadoras sociais, etc.? Se o que faltan son médicas, non será unha estratexia para deteriorar e seguir privatizando o Sistema Sanitario Público?

Sabemos que o SERGAS, ten 469 médicos e médicas por cada100.000 habitantes. Sitúase á cola do estado español, que ten, de media, 499. Non teremos uns responsables políticos que o que non queren é resolver o principal problema que ten unha persoa, que é a súa saúde? Neste sistema, a todos se lles enche a boca ao dicir "que temos o mellor Sistema Sanitario do mundo". É certo, pero si non se dota do orzamento axeitado e persoal suficiente, convértese nun moi mal sistema, que fai auga polo prioritario. Podemos ter moita aparataxe, pero se non temos unha persoa que nos atenda cando o necesitamos, de que nos vale?

Saíron as listas de agarda (agora faise dúas veces o ano e con atraso, cando antes se publicaban cada tres meses) e vemos que segue alargándose o tempo para ser atendido nunha primeira consulta, nunha proba diagnóstica ou nunha intervención cirúrxica. Que responsables políticos permiten isto? Por que non se inviste o necesario (o goberno Galego ten 1.100 millóns de euros este ano de orzamento) e así poderíamos paliar a falta de profesionais sanitarios?

Tamén sabemos que o Goberno galego, pechou 1.056 camas hospitalarias (segundo o IGE) desde o 2009, ano no que o PP chegou o poder na Galiza. Tamén nos di o IGE que os centros de saúde contaban no 2004 con 405 pediatras. En 2021 tiñamos 318... e 192 concellos carecen deste servizo.

Isto é "puntual, circunstancial", como di Rueda, ou é algo premeditado e sufrido por unha poboación que está farta da precariedade na atención sanitaria?

Comentarios